Os especialistas en seguridade reunidos na Coruña (GSickMinds) difiren da definición de hacker que achega a RAE

xoves, 30 de outubro do 2014 Redacción

Estes días (dende onte até mañá venres 31) estanse a celebrar en PALEXCO, na Coruña, os encontros GSickMinds, organizados polo Grupo de Seguridade da Información da Coruña (GSIC) e dirixidos a impulsar o talento dos nosos profesionais da protección da información e, tamén, a compartir coñecemento para loitar contra as feblezas actuais dos sistemas e redes de datos. Entre os relatores hai profesionais destacados de empresas como Yahoo!, Google, Microsoft, Apple, Salesforce, Mozilla ou British Telecom. Na primeira xornada de actividade, a do mércores, fíxose fincapé nun tema candente, que é o significado do termo hacker e os seus cometidos na Sociedade da Información (lembrar que están en activo campañas para que a RAE mude ou amplíe a definición de hacker, arestora só referida aos piratas informáticos). Segundo se fixo saber no congreso da Coruña, as entradas dos hacker “axudan a depurar e arranxar problemas de seguridade”.
En liñas xerais, os expertos internacionais que desde o mércores se reúnen en PALEXCO con motivo do dito evento, están a debater sobre a importancia de traballar a seguridade dos sistemas para evitar entradas non desexadas a través de Internet. Estas son algunhas das preguntas ás ques se lles está a buscar cumprida resposta: “Que facer no caso de que se apropien da nosa conta de correo?”, “Como evitar ou dificultar o acceso de cibercriminais aos nosos sistemas?”, “Que navegadores son máis seguros nas nosas conexións a Internet?”.
Como dixemos, os investigadores congregados en PALEXCO difiren da definición de hacker publicada na 23a edición do dicionario recentemente presentado pola RAE. “Un hacker non é un pirata informático nin un cibercriminal, é un apaixonado da seguridade informática que axuda ao progreso da sociedade tecnolóxica amosando deficiencias de seguridade co fin de depurar erros”.
Lembrar que este xoves continúan as xornadas con relatores como Diego Ferreiro, Ángel Prado e John Buckanan de Salesforce, Alberto Pastor de Mozilla, Caridy Patiño de Yahoo! e Lord Epsylon de hactivistas.net. A asistencia ás charlas é de balde, tan só é precisa a inscrición a través da web gsickminds.net/#tickets.

PUBLICIDADE