Os espazos galegos máis innovadores participaron na Coworking Spain Conference

luns, 27 de abril do 2015 Redacción

Esta fin de semana celebrouse en Valencia a cuarta edición do evento Coworking Spain Conference, no espazo Las Naves Collaborative Space, un congreso anual que reúne aos persoeiros de meirande referencia a nivel estatal no ámbito desta nova fórmula de traballo (economía, produtividade e innovación en colaboración). En definitiva, trátase dun encontro para relatores e emprendedores de todo o ámbito español compartindo experiencias e achegando os seus puntos de vista sobre “o movemento colaborativo” a través de conferencias, workshops, demoshows e barcamps.
A cita levouse a cabo baixo o lema A Cidade Compartida e contou coa participación de representantes galegos da fórmula do coworking. Entre eles, WeKCo (A Coruña), Espazo Arroelo (Pontevedra), Coworking Vigo (Vigo), DoutroXeito (Santiago de Compostela) e Magma Espazo (Ourense). Tamén estivo A Factoría de Proxectos, de Bueu.
O galego Juan Diego Pereiro Areán (WeKCo/WeKAb) participou como relator ao carón de Alex Hillman (Indyhall), Albert Cañigueral (Ouishare), Javier Megías (StartupXplore), Pau Rausell Köster (Universidade de Valencia), Mark Navarro (Crec).
A cita, sinalan dende WeKCo, serviu entre outras cousas para deixar clara a consolidación dun novo xeito de facer as cousas, case un sector en si mesmo: “Hai poucos anos que abriron os primeiros espazos en España e durante este período foron moitos os que abriron e outros os que pecharon, pero sen apenas decatarnos xurdiu unha industria ao redor de profesionais, microPEME e emprendedores que comparten espazo coa intención de colaborar entre eles e xerar sinerxías que potencien e fagan medrar os seus negocios negocios”.
En Galicia, este movemento está presente principalmente en cidades como Coruña, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Ourense, pero tamén en localidades máis pequenas como Vilagarcía de Arousa, Bueu.

PUBLICIDADE