Os enxeñeiros informáticos galegos achéganse ao pleno emprego, malia á crise

venres, 23 de abril do 2010 Raquel Noya

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, encargada de velar polo bo funcionamento das nosas universidades, vén de presentar os resultados dun estudo que realizou recentemente sobre a situación laboral dos estudantes de Enxeñarías en Informática no noso país, e os datos extraídos do mesmo semellan bastante positivos para o sector, posto que indican que este colectivo profesional goza dunha situación laboral “moi favorable, aproximándose ao pleno emprego”.
Así o confirma o informe extraído do estudo que, baixo o nome, A Situación Laboral nas Enxeñarías en Informática de Galicia, foi presentado hoxe nun acto presidido pola secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira.
O informe consta de dous tomos: o tomo I refirido á Enxeñaría en Informática, e o tomo II sobre a Enxeñaría Técnica en Informática; cada un dos cales se estrutura en tres capítulos.
A enquisa, realizada entre 551 persoas tituladas en Enxeñaría Informática e Enxeñaría Técnica Informática nas Universidades de Galicia, expón aspectos da súa formación e inserción laboral, da mobilidade, do grao de satisfacción persoal coa profesión así como das súas expectativas profesionais.
A caracterización sociodemográfica que ofrece esta investigación revela que as persoas tituladas nas Enxeñarías en Informática de Galicia son xente nova e, entre outras características, teñen boas perspectivas para atopar traballo en Galicia.
Asemade, son persoas que están moi satisfeitas cos estudos realizados e máis dun 77 por cento “volverían cursar a mesma titulación”. A motivación principal para escoller estas titulacións foi a “vocación” (resposta maioritaria entre os homes) e as “saídas laborais” (resposta maioritaria entre as mulleres). As Universidades galegas acadan unha valoración positiva en canto á formación impartida a estes titulados, especialmente no que se refire á formación teórica, e en menor medida a formación práctica e á adecuación entre os coñecementos técnicos e as esixencias profesionais.
No relativo á situación laboral, que adiantabamos que era moi favorable, podemos engadir que, como dato sorprendente dadas as circunstacias desta desta crise mundial que afecta a tódolos sectores, o 94,8 por cento das persoas tituladas en Enxeñaría en Informática e o 86,2 por cento en Enxeñaría Técnica en Informática atópanse traballando, desenvolvendo o seu labor profesional principalmente por conta allea.
Asemade, un 81,2 por cento das persoas tituladas en Enxeñaría Informática e un 72,9 por cento en Enxeñaría Técnica Informática atopan o primeiro emprego nos tres primeiros meses do comezo da busca, e do redor do 40 por cento das persoas tituladas en Enxeñaría Informática acceden ao mercado laboral antes de rematar a carreira, traballando en algo relacionado co título estudado.
Este estudo sobre A Situación Laboral nas Enxeñarías en Informática de Galicia, forma parte dunha serie de observacións temáticas, realizadas por grupos de expertos en colaboración co Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), e distribúese libremente na Rede baixo licenza Creative commons dende a web do Observatorio.

PUBLICIDADE