Os encontros Betabeers Galicia estréanse na Coruña

xoves, 14 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Xavier Castaño explicou o modelo de negocio e a filosofía de Igalia no encontro que tivo lugar esta tarde na Coruña

Esta tarde a sede coruñesa da Escola de Negocios Novacaixagalicia deu acubillo á primeira edición de Betabeers Galicia, encontro para desenvolvedores web e de aplicacións móbiles que tras pasar por Madrid, Barcelona, Murcia, Bilbao e Salamanca que a partir de agora procurará trasladarse a distintas cidades galegas cunha periodicidade mensual, grazas á coordinación de Reinaldo Aguilera, confirmándose que a seguinte edición terá lugar en Vigo o vindeiro 12 de xullo.
O formato dos encontros Betabeers está composto normalmente por un obradoiro de 35 minutos, seguidos de 15 minutos para preguntas aos que poderán acompañar presentacións de proxectos en 10 minutos con 5 minutos para preguntas. Nesta ocasión o relatorio principal recaeu en Xavier Castaño de Igalia, a quen seguiron as presentacións de Galicia en Coworking e nubeOffice (aproveitando este último para presentarse aos asistentes como unha oportunidade de desenvolvemento de software baixo tal plataforma baseada en EyeOS).

Xavier Castaño falou sobre Igalia na primeira edición de Betabeers Galicia

Durante o seu relatorio, Xavier Castaño explicou a historia de Igalia, empresa de software libre que celebrou hai pouco os seus 10 anos de vida, e que é todo un exemplo de como é posible facer negocio cos desenvolvementos abertos. Castaño explicou que a súa compañía está baseada en 3 piares diferenciais: o software libre, a estrutura horizontal e a responsabilidade social. Esta filosofía conta con respaldo dos moitos socios que forman a empresa, facendo factible unha estrutura de pirámide invertida na que os traballadores pasan en pouco tempo a converterse en socios, pasando a vivir a compañía como súa, o que claramente non é unha opción apta para calquera traballador, pero que resulta moi atinada para que teña espírito emprendedor e que comparta os valores dos integrantes de Igalia e moitos outros socios de AGASOL.
Xavier Castaño tamén repasou os numerosos servizos que ofrece Igalia, abarcando ámbitos moi diversos que van dende o desenvolvemento do núcleo dun sistema operativo ata na implantación dunha solución ERP. Tamén incidiu no feito de que un 70% dos clientes de Igalia son outras empresas de tecnoloxía (entre as que figura Nokia, compañía para a que fixeron numerosas achegas ao sistema operativo Maemo) e incluso citou a xeito de curiosidade que na actualidade son a terceira empresa en volume de contribucións ao popular motor para navegadores web WebKit, por detrás só de Google e Apple, polo que sería “a primeira que pode subcontratarse”, comentario co que o socio e co fundador de Igalia gañou a complicidade dos asistentes.

Máis de 30 persoas acudiron á cita de Betabeers Galicia
Os presentes podían interactuar cos relatores dun xeito bastante orixinal
Durante o encontro presentouse a nubeOffice como unha interesante plataforma na que realizar desenvolvementos

PUBLICIDADE