Os emprendedores de Galicia Open Future participan nunha xornada de networking con Wayra e Amérigo

xoves, 23 de outubro do 2014 Redacción

Galicia Open Future, o centro de emprendemento posto en marcha por Telefónica na Cidade da Cultura de Santiago, é xa unha realidade. E tanto que é así: acubilla a día de hoxe a presenza de medio centenar de proxectos comandados e impulsados por máis de 100 novos profesionais da nosa terra, e todo indica que haberá máis edicións da aceleradora galega. Para dar a coñecer os pasos dados nesta primeira convocatoria (que botou a camiñar oficialmente en setembro), este venres celebrarase no Gaiás (Cidade da Cultura) unha xornada de networking cos emprendedores implicados na iniciativa, e na que contarán (a partir das 9.30 horas) con relatores de renome no eido do emprendemento estatal e internacional, como o CEO de Wayra, a aceleradora de start-up de Telefónica, Gonzalo Martín Villa, e o fundador e xestor de Fondos Amérigo, o grupo de fondos de investimento tecnolóxicos creado por Telefónica, Aquilino Peña.
O director de Telefónica en Galicia, Manuel Alonso, estará tamén presente no acto para coñecer de primeira man (e de boca dos emprendedores) as características e os avances logrados por cada un dos cincuenta proxectos seleccionados nestas primeiras semanas de traballo dentro de Galicia Open Future. Durante a sesión, os líderes das ditas iniciativas terán a oportunidade de coñecer os atrancos aos que terán que enfrontarse nas distintas fases do seu percorrido empresarial. Nesta liña, Martín Villa trasladaralles “as claves que toda start-up debe ter en conta para superar con éxito a súa etapa inicial” e os recursos que poden ter ao seu alcance no mercado para logralo; mentres que Aquilino Peña, pola súa banda, centrará a súa intervención noutro dos aspectos vitais para a supervivencia de calquera proxecto, o investimento.
Segundo informa a operadora, “ambos participarán xunto aos emprendedores nunha dinámica de elevator pitch, unha técnica moi estendida para presentar proxectos de emprendemento ante posíbeis clientes ou investidores e cuxo principal obxectivo é captar a súa atención en poucos minutos, expondo de maneira clara obxectivos e estratexias, e amosando a viabilidade do negocio”. A xuntanza, engade Telefónica, servirá aos emprendedores para “adquirir experiencia neste tipo de presentacións, detectar posibles dificultades, introducir melloras e resolver dúbidas”.
Lembrar que Galicia Open Future funciona xa de forma efectiva desde mediados de setembro nas súas instalacións do Gaiás. Traballan alí máis 100 persoas pertencentes aos 50 proxectos seleccionados para esta primeira fase, elixidos entre os máis de 130 que se presentaron á convocatoria. A maioría dos proxectos procede de Vigo e A Coruña, seguidos de Santiago de Compostela, e presentan diferentes graos de maduración (idea, semente, prototipo, piloto ou lanzamento). Céntranse en sectores como o tecnolóxico aplicados a distintos ámbitos (marítimo-pesqueiro, agricultura, enerxía), Cidades Intelixentes, lecer, cultura, saúde, educación e turismo, e algúns xurdiron en universidades e centros tecnolóxicos de Galicia.
Galicia Open Future é un proxecto impulsado por Telefónica -que investirá no seu funcionamento preto do millón de euros anuais- en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA. Os 50 proxectos seleccionados recibirán unha axuda, achegada pola Axencia Galega de Innovación, de 2.000 euros. Unha vez superada a primeira fase, os proxectos xa evolucionados poderán optar a outra achega de 25.000 euros, que deberá destinarse ao desenvolvemento do propio proxecto. Ademais, as iniciativas que consigan esta segunda axuda poderán ter a posibilidade de acceder a un préstamo reembolsábel doutros 25.000 euros.

PUBLICIDADE