Os dominios .es aumentan un 0,45% a súa presenza na Rede con respecto ao 2012

venres, 31 de xaneiro do 2014 Redacción

Se alguén se preguntou algunha vez quen se encarga da xestión dos dominios .es da Internet, a resposta é Red.es, que vén de levar a cabo unha análise dos devanditos dominios. Pois ben, amais da entidade pública Red.es, 101 axentes rexistradores son os encargados de operar con dominios .es. Trátase de empresas acreditadas que realizan calquera trámite relacionado con eles, achegando servizos de valor engadido (hosting, contas de correo electrónico asociadas, ferramentas para desenvolver páxinas web, etc). Pódese consultar a listaxe de todos eles na web habilitada.
Emporiso, as estatísticas dos dominios .es realízanse con información procedente da base de datos de Red.es; de Webhosting.info, empresa que recompila información de dominios de primeiro nivel; de Eurid.eu e da Fundació puntCAT.
Logo de analizar os aspectos pertinentes, concluíuse que os .es (nomes de dominio de Internet asignados baixo o código de país España, cuxa xestión está encomendada ao Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través da xa citada Red.es) acadaban ao peche de 2013 unha cifra de 1.696.538 rexistros, fronte aos 1.614.149 do exercicio anterior, o que supón un incremento do 5,1%. Os .es seguen sendo os dominios preferidos de entre todos os que se rexistran en España, cunha cota de mercado de arredor do 50% (48,83%), fronte aos .com, que representan o 36,31%; os .net (4,81%), os .org (3,22%), os .eu (3,02%), os .cat (2,05%), os .info (1,36%) e os .biz (0,40%).
En canto á orixe dos dominios .es activos, hai que salientar que 1.458.268 foron rexistrados dende España (o 85,96%), fronte a 238.270 que tiveron a súa orixe no estranxeiro (un 14,04%).
Do total deles rexistrados dende España, a maioría pertencen a cidadáns, empresas e institucións das comunidades autónomas de Madrid, Catalunya, Andalucía e Valencia.
A distribución por comunidades e cidades autónomas fica, ao peche de 2013, do seguinte xeito: Madrid, 376.131 dominios “.es” (25,79% do total en España); Catalunya, 222.153 (15,23%); Andalucía, 198.855 (13,64%); Valencia, 171.807 (11,78%); Galicia, 75.176 (5,16%); Castela e León, 59.519 (4,08%); Euskadi, 49.550 (3,40%); Canarias, 46.256 (3,17%); Murcia, 40.931 (2,81%); Castela A Mancha, 40.828 (2,80%); Aragón, 38.906 (2,67%); A Rioxa, 32.746 (2,25%), Baleares, 28.858 (1,98%); Asturies, 26.812 (1,84%); Estremadura, 18.927 (1,30%); Nafarroa, 15.188 (1,04%); Cantabria, 14.097 (0,97%); Ceuta, 808 (0,06%), e Melilla, 720 (0,05%).

PUBLICIDADE