Os datos na nube terán unha privacidade total cun novo sistema de cifrado de AtlantTIC

xoves, 28 de abril do 2016 Redacción

Juan Ramón Troncoso, investigador do Grupo de Procesado da Sinal en Comunicación

Logo de dez anos de traballo por parte dos investigadores do Grupo de Procesado da Sinal en Comunicación do centro de investigación AtlantTIC a prol de mellorar a privacidade dos datos procesados na nube, xorde un novo sistema de cifrado que garante a privacidade dende a orixe e permite traballar directamente sobre os datos cifrados sen necesidade de coñecer os seus contidos. Cómpre sinalar que este proxecto nace ao abeiro de TÁCTICA (un proxecto de I+D centrado nas tecnoloxías da información e a comunicación) desenvolvido no seo da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade (co apoio do Ministerio de Economía e Competitividade (MINECO) e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
En canto á súa finalidade, Juan Ramón Troncoso, responsábel desta liña de traballo dentro do equipo que dirixe o catedrático Fernando Pérez González subliña que: “O noso obxectivo é protexer os datos e dar garantías de privacidade e confidencialidade para todos os usuarios, tanto persoas como negocios”.
Para acadar o seu fin este equipo de profesionais desenvolveu unha serie de ferramentas avanzadas de criptografía e procesado seguro de sinal que achegan servizos de maneira totalmente privada e segura desde a orixe, sen que ningunha das partes externas que interveñen no procesado dos datos teña acceso aos mesmos. Esta tecnoloxía, que aplican principalmente en sinais multimedia (audio, vídeo, biometría, datos xenéticos, ADN...) permite traballar de xeito cego sobre as comunicacións cifradas, sen necesidade de coñecer o contido das mesmas. “Cun cifrado tradicional da canle de comunicación non se pode ver o contido, pero tampouco é posíbel modificalo nin procesalo, mentres que con estas novas técnicas o servidor pode traballar sobre os datos sen necesidade de descifralos, coñecelos e volver a cifralos”, explica Troncoso, que abre así a porta a servizos na nube cunha garantía plena de confidencialidade e privacidade para os usuarios, xa que nin sequera o provedor ten acceso aos seus datos.
Malia ser unha área de investigación recente, os investigadores desenvolveron un demostrador que emprega un esquema de cifrado propio, podendo cifrar calquera tipo de sinais multidimensionais (audio, imaxes, vídeos, ecografías 4D...) de maneira moi compacta e procesalas eficientemente no dominio cifrado, permitindo realizar multitude de operacións (filtrados, busca de zonas de interese na imaxe, realce de bordes...) de xeito transparente para o usuario e evitando a necesidade de dispor dun hardware específico.
Para rematar cómpre lembrar que nos últimos anos, a lexislación española e (especialmente a da Unión Europea) está a avanzar con paso firme cara á provisión de maiores garantías na protección dos datos persoais en case calquera contexto; con todo, iso non significa que as aplicacións que a sociedade emprega decote introduzan os mecanismos tecnolóxicos axeitados para garantir a súa seguridade e preservar a súa intimidade, especialmente coa rápida evolución da Internet das Cousas e os fogares conectados.

PUBLICIDADE