Os creadores de CreaAppcuentos achegan consellos para triunfar na creación dunha aplicación

xoves, 24 de abril do 2014 Redacción

CreaAppcuentos, a plataforma galega para o fomento da aprendizaxe e a interacción social (permite aos nosos cativos facer as súas propias historias gráficas de xeito sinxelo), vén de facer públicas unha serie de claves para o desenvolvemento de programas e ferramentas informáticas dende os profesionais acabados de chegar ao sector. Estas claves, puntos a ter en conta para “triunfar na creación dunha app móbil”, consisten na seguinte folla de ruta: investimento en diñeiro, tempo e recoñecemento; posicionamento; capacidade de autocrítica e rectificación; elección do camiño axeitado a seguir e participación en experiencias e actividades que nos axuden a saber se o noso proxecto é viábel e útil.
Respecto do primeiro punto, o investimento en diñeiro, tempo e recoñecemento, os creadores de CreaAppcontos (Avelino Correa e Maribel Martínez, coa achega técnica de Pumpún Dixital) sinalan que se trata dos “alicerces fundamentais para asegurármonos que unha aplicación se desenvolva dende o comezo acorde á idea inicial”. E engaden que este investimento será máis ou menos elevado dependendo do que se queira levar a cabo e da calidade dos contidos. “No noso caso”, explican, “investimos na primeira fase ao redor de 30.000 euros, e temos previsto para a segunda 60.000”. En canto ao tempo investido, sinalan que o normal sitúase entre 4 e 6 meses dende que se ten a idea até convertela nunha aplicación dispoñíbel en plataformas como Android e Apple. E engaden: “É importante contar tamén cunha empresa ou equipo que desenvolva a aplicación con experiencia no sector tanto tecnolóxico como do eido en que se enmarcará a app para centralizar e dirixir a idea cara a ruta marcada”.
Respecto ao posicionamento, explican que “o máis importante unha vez realizado o desembolse económico é situar a aplicación, unha tarefa que nos axudará a chegar ao mercado para obter resultados e dar a coñecer as peculiaridades da nosa creación”. Por cada euro investido na app adóitase gastar outro en mercadotecnia.
No que atinxe ao espírito crítico que debemos aplicar ao noso traballo, os creadores da ferramenta para crear contos explican que o ideal é “traballar e traballar sobre a idea inicial, aprender a recibir críticas e pivotar”. Ao seu xuízo, é moi habitual que nos boten abaixo unha proposta que consideramos a mellor das posíbeis, e entón deberemos centrarnos para saber cara a onde ir.
Respecto a traballar para elixirmos a mellor ruta a percorrer, sosteñen que “o coñecemento previo de distintas metodoloxías, o traballo en rede ou a participación en obradoiros permitirannos ir na boa dirección desde un principio”. Por último, recomendan un esforzo extra na verificación da viabilidade do produto antes mesmo de poñer en marcha a súa materialización. Sinalan que “é recomendábel realizar un mockup (deseño e proba da app) antes de seguir adiante; isto axudaranos a saber se a aplicación ten sentido e sobre todo a validar a hipótese”. Neste senso, recomendan asistir a startups weekend e talleres nos que coñecer a xente que poida unirse ao equipo ou coas que compartir ideas para o noso proxecto.

PUBLICIDADE