Os creadores de CreAppcuentos amosan como converternos en referentes no sector das aplicacións educativas

xoves, 10 de xullo do 2014 Fernando Sarasketa

Os creadores de CreAppcuentos, a aplicación galega para dispositivos con Android e iOS que permite a creación de contos ou historias dun xeito sinxelo, veñen de facer públicas unha serie de claves de utilidade para os desenvolvedores de ferramentas educativas que veñan detrás. Ou sexa, unha folla de ruta para iniciados feita dende a experiencia co fin de minimizar a marxe de fracaso. Segundo fan saber, “no sector da docencia é onde máis atención hai que prestar ás implicacións do traballo que esteamos a desenvolver”. Na súa opinión, unha app educativa ten que entreter e por suposto achegar coñecemento.
Os creadores da aplicación infantil CreAppcuentos apuntan que para crear unha app útil e que se converta nun referente para o sector educativo, é recomendábel ter en conta puntos como os que citamos a continuación: atraer aos usuarios con elementos dinámicos (facéndoos partícipes do xogo ou da historia, por exemplo introducindo elementos gráficos que se poidan editar e gardar tantas veces como desexen), combinar diversión e formación (cómpre que teñamos en conta que o aspecto educativo debe prevalecer por riba do lúdico, ou a partes iguais, polo que definir con anterioridade os obxectivos didácticos será primordial para darlle sentido á proposta) ou dotar de continuidade ao noso proxecto (mantendo o interese do usuario e polo tanto o proceso de aprendizaxe incorporando elementos que permitan que o xogo ou proba fique aberto, nesta liña CreAppcuentos “suxire combinar xogos con niveis nos que superar diferentes coñecementos e recibir premios a cambio”).
Tamén se recomenda converter a aplicación para fomentar a aprendizaxe en familia (interactuando máis dunha persoa á vez), deixar aberto sempre o proceso de modificación de erros e actualizacións e levar acabo axeitadas accións de mercadotecnia. Sobre este último punto, CreaAppcuentos aconsella “utilizarmos cando sexan precisas accións de promoción para difundirmos a nosa idea e explicar os beneficios que a aplicación educativa pode achegar ao seu público obxectivo”.
Como lembraremos, CreAppcuentos é unha aplicación infantil dirixida a pais, nais e familiares con fillos de 0 a 12 anos coa que, a través duns sinxelos pasos, créanse historias únicas mesturando personaxes de distintos contos. A ferramenta conta con diferentes stickers de diferentes relatos cos que os nenos poden montar o seu propio.

PUBLICIDADE