Os coruñeses poderán seguir telematicamente a Cabalgata de Reis

luns, 29 de decembro do 2014 Redacción

Os tenentes de alcalde de Cultura e de Medio, Territorio e Infraestruturas da cidade da Coruña, Ana Fernández e Martín Fernández Prado, respectivamente, presentaron a primeira páxina web para seguir en directo o percorrido da Cabalgata de Reis, que terá lugar o vindeiro 5 de xaneiro, a partires das 18:00 horas. A Cabalgata sairá este ano, por primeira vez, dende a avenida de Salvador de Madariaga e a rúa de Alcalde Pérez Ardá, para realizar un percorrido de aproximadamente tres horas por Santiago Rei Fernández Latorre, Catro Camiños, custa da Palloza, avenida de Primo de Rivera, Linares Rivas, Sánchez Bregua, Cantón Pequeno, Cantón Grande, avenida da Marina e Montoto, rotonda Porta Real, rúa de María Barbeito e a praza de María Pita.
O novo espazo web, que se enmarca dentro do proxecto de cidade intelixente Coruña Smart City, ten como obxectivo permitir que todos os nenos e os seus pais saiban, a través dos seus teléfonos móbiles, en que lugar da cidade se atopan as súas Maxestades de Oriente en todo momento, e achegar a tecnoloxía Smart aos cidadáns. Baixo o lema Cabalgata Smart, máis máxica aínda, a páxina web cabalgatasmartcoruna.es permitirá facer un seguimento do percorrido das carrozas en tempo real, tanto dende os smartphones coma dende o ordenador, dende a chegada das súas Maxestades ao campo de fútbol Víctor Fernández Alonso, ás 17.30 horas, ata a súa chegada a María Pita.
Así, a través dun mapa da cidade, no que aparecerá marcado o percorrido do desfile de Reis Magos, os usuarios poderán ver como avanza a cabalgata e en que rúa se encontran Melchor, Gaspar e Baltasar.
Outra das funcións da páxina web será a posibilidade de subir fotos durante o percorrido. O Concello anima a que todos os coruñeses compartan neste novo espazo as auto-fotos que se fagan durante o desfile ou as fotografías que realicen das carrozas. As imaxes que se suban ao portal estarán dispoñibles nunha galería de fotos. Os tres Reis Magos exercerán de xurado ao finalizar o percorrido e elixirán as tres mellores fotos da Cabalgata que se recibisen, co fin de premiar a aquelas imaxes máis orixinais. Os nomes dos gañadores colgaranse na web esa mesma noite e os seleccionados disporán dun prazo dunha semana para recoller os seus premios nas oficinas de Emalcsa.
O portal estará dispoñible dende o 1 de xaneiro, cun marcador no que se irán descontando os días e as horas que quedan para que comece a cabalgata. Tamén ofrecerá posibilidade de que os nenos envíen as súas mensaxes aos Reis Magos a través de Twitter, co cancelo #CabalgataSmartCoruña. Será o mesmo día 5 cando se active o mapa e aparezan as rúas virtuais da cidade cos tres Reis Magos.

PUBLICIDADE