Os concursos de Igaciencia xa teñen premiados

luns, 15 de decembro do 2014 Redacción

O equipo premiado do IES Menéndez Pidal

O pasado venres, 12 de decembro, celebrábase a entrega de premios dos concursos Igaciencia no Centro Sociocultural Ágora de A Coruña, contándose coa presenza do Secretario Xeral de Política Lingüística Valentín García e da alcaldesa de Forcarei e do alcalde de Valdoviño. Igaciencia entregou os premios do seu concurso Inventa en Galego que propoñía aos centros educativos de Galicia elaborar unha aplicación para Android na linguaxe de programación App Inventor que reflictise os lugares interesantes, turísticos, da zona ou cidade na que viven os desenvolvedores-alumnos.
Cómpre dicir que grazas a este concurso, os concellos de Ferrol, Forcarei, Valdoviño e A Coruña xa dispoñen de apps que describen eses concellos. Engadir que case vinteún rapaces saben programar aplicacións para smartphones Android, grazas a os esforzos do profesorado por poñelos ao día e preparalos para competir no dito concurso.

As rapazas e rapaces do IES Concepción Arenal

Asemade, entregáronse os premios do Concurso Sensores para Todos no que se trataba de facer “un emprego tecnoloxicamente interesante” de sensores de Arduino ou Lego. Nese concurso as rapazas e rapaces premiadas/os son 29, distinguíndose a un total de 50 alumnos nos dous concursos.
En canto a febreiro do vindeiro ano, dicir que no VII Concurso Galego de Robótica tívose que pechar a inscrición no primeiro día porque xa se inscribiran máis centros dos que cómpren nunha semana; estando acomodados arestora 38 centros.

O alumnado do instituto de Forcarei

Volvendo ao concurso co que abrimos, que significa App Inventor? Pois segundo nos lembran dende Igaciencia, é unha maneira simple e innovadora de realizar aplicacións funcionais en móbiles e tabletas Android, dispositivos móbiles intelixentes xa de uso común para a maioría dos galegos. Entre as ferramentas que poden achegar a programación aos rapaces e axudalos a desenvolver o pensamento computacional salienta especialmente App inventor, xa que comparte con Scratch a utilización dunha interface gráfica intuitiva e unha técnica de programación por bloques e, ademais, ten a vantaxe de producir aplicacións que se executan en dispositivos de uso habitual pola xente nova, ao alcance de todos.

O equipo premiado do CPI de San Sadurniño

Os participantes no certame fixeron un programa en App Inventor, para o que tiveron que crear un proxecto, crear a interface gráfica, facer a programación por bloques correspondente e probar o funcionamento da aplicación no móbil ou tableta. Nesta convocatoria, sinalan dende Igaciencia, déuselles un protagonismo especial aos sensores do móbil - orientación, acelerómetro, localización, luz...- e, en canto á temática, o certame centrouse fundamentalmente en amosar aspectos de interese da aldea, vila ou cidade que elixise o grupo; de tal maneira que permitise ver unha descrición de cada un dos puntos de interese, presente na ruta que se vai seguir para visitalos ou que indique como ir dende onde estamos a cada un dos lugares onde se atopan.
En canto ao concurso Sensores para todos, sinalar que os proxectos centráronse en experimentos con sensores con Arduino e Lego de cara a empregalos para facer recollida de datos, datalogging, e representar os resultados de varios experimentos científicos; formular e responder con datos a varias preguntas; coñecer novas leis científicas; manexar Excel ou Calc para facer representacións gráficas que permitisen tirar conclusións dos datos recollidos polos sensores.
Para os interesados, a listaxe de premiados pódese ver na páxina web de Igaciencia, nun apartado específico.

PUBLICIDADE