Os comerciantes da Coruña póñense ao tanto das vantaxes de comerciogalicia.es

mércores, 23 de outubro do 2013 Redacción

A plataforma Comerciogalicia e o portal do mesmo nome, do que falamos recentemente con motivo da súa posta en longo na Coruña, está estes días mergullada nun itinerario de presentacións de obxectivos e arelas por diversos recantos da cidade e do resto da nosa xeografía. Sen ir máis lonxe, o Sporting Club Casino coruñés acolleu este 21 de outubro unha cita dos responsábeis da plataforma (a Federación Galega de Comercio e a Dirección Xeral de Comercio da Xunta) cos comerciantes da cidade, aos que se lles puxo ao tanto dos potenciais deste servizo: trátase dun potente recurso tecnolóxico con vantaxes para establecementos e clientes “e que ten como principal obxectivo a mellora da competitividade e sustentabilidade no sector”.
Xa nun plano máis concreto, informouse aos comerciantes de das potencialidades da tarxeta club Comerciogalicia (que converte en euros unha porcentaxe de cada compra efectuada e que está desenvolvida para manter a máximo a relación cos clientes no tempo) e da propia web comerciogalicia.es, xa a pleno rendemento, que serve aos comercios para vender os seus produtos as 24 horas do día (pudendo participar en promocións conxuntas ou desenvolver promocións específicas). “Con esta plataforma de acceso multidispositivo”, fíxose saber durante a presentación, “o comercio de Galicia toma a iniciativa ante a crise e os cambios dos hábitos de consumo, poñendo en marcha unha plataforma que cingue o mellor do comercio de proximidade – especialización, trato personalizado, calidade – con todas as vantaxes da tecnoloxía punteira na venda en liña e nos máis avanzados programas de fidelización”. Lembrar a maiores que a plataforma está a día de hoxe na súa fase de lanzamento na Coruña, aínda que posteriormente estenderase a toda Galicia. Agárdase que nunha primeira fase 4.000 comercios e 140.000 clientes se incorporen a este proxecto.

PUBLICIDADE