Os clásicos de Neo Geo inician a súa chegada a PS4 con The King of Fighters’94

xoves, 27 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Hoxe estréase na PlayStation Store The King of Fighters’94, xogo de loita de SNK que é un dos grandes expoñentes da clásica Neo Geo ao marcar o inicio dunha importante franquía que contou con moitos seareiros nos salóns recreativos, e que unha vez máis podemos trasladar ao noso fogar a través dunha reedición do xogo que o adapta para unha consola doméstica actual.
Desta volta o xogo véndese a un prezo de 6,99 euros, e é o primeiro da serie ACA NEOGEO, que estará composta por multitude de clásicos de arcade reproducidos fielmente na PlayStation 4, aínda que incorporando vantaxes propias da nova xeración de consolas, como permitir que se poida competir en liña con outros xogadores para mellorar a posición nas táboas de puntuación en liña, sendo tamén posible compartir pantallas do xogo e vídeos mediante o botón de compartir.

Metal Slug é un dos xogos de Neo Geo que prepara a súa chegada a PS4

Este xogo de loita destacaba polo seu grande número de loitadores, que proviñan dos xogos Fatal Fury, Art of Fighting e Ikari Warriors, e foi seguido por distintas entregas anuais con pequenos cambios nos personaxes e máis loitadores incorporados en cada edición.
A The King of Fihgters’94 seguiranlle no que resta de ano os xogos Metal Slug, Samurai Shodown, Alpha Mission II, Fatal Fury e World Heroes, estando confirmado que a primeiros do ano que vén tamén estarán dispoñibles Neo Turf Masters e Nam-1975.

The King of Fighters’94 chega hoxe a PlayStation 4 reproducindo fielmente a súa versión de recreativa

PUBLICIDADE