Os centros tecnolóxicos da contorna de Vigo pechan fileiras arredor da innovación

venres, 25 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

Dez centros tecnolóxicos e de investigación da contorna de Vigo mantiveron esta semana unha reunión coa Delegada do Estado, María Teresa Pisano, para ir dándolle forma ao proxecto Rede de Innovación Zona Franca, unha iniciativa que, como o seu propio nome indica, constitúe basicamente unha fronte común de diversas forzas ao servizo da modernización do tecido produtivo vigués e da súa área de influencia. O proxecto, que afectará a diversos eidos de actividade (incluído, claro está, o das novas tecnoloxías da información), conta coa participación activa da Zona Franca, Investigacións Mariñas, o Instituto Oceanográfico, ANFACO, CITEXVI da man da Universidade de Vigo (a través de Energylab e Gradiant), AIMEN, CTAG e COINTEGA.
A xuntanza dos centros e da Delegada do Estado serviu entre outras cousas para abordar xa a elaboración de propostas e iniciativas que melloren a rendibilidade dos recursos de investigación locais e conseguir máis fluxo de coñecemento entre o que abrolla destes centros de I+D e o eido empresarial. Estas serán as bases fundamentais da Rede de Innovación Zona Franca. Por certo que ao abeiro da reunión, xa nun plano máis específico, perfiláronse os futuros modelos de traballo a seguir, sendo moi viábel a adaptación de metodoloxías xa postas en marcha en Euskadi, como a creación dun único centro de investigación con marca propia que dese acubillo a tódolos diversos espazos de I+D que a día de hoxe operan por separado, coordinación que os axentes que participaron na xuntanza cualificaron de “imprescindíbel” para acadar os mellores resultados de innovación a tódolos niveis. Amais disto, avogouse polo aforro e optimización dos recursos económicos e pola non duplicación da oferta de actividade de divulgación e formación.

PUBLICIDADE