Os bens de Patrimoniogalego.net poden verse dunha soa ollada a través de Google Earth

mércores, 1 de abril do 2015 Redacción

Dende Patrimoniogalego.net, o inventario dixital dos nosos bens arquitectónicos, artísticos e culturais, informan da posta en marcha dunha aplicación que permite contemplar dunha ollada, coa axuda da ferramenta Google Earth, todos os bens que acubilla a plataforma. Deste xeito, o catálogo en liña (o de meirandes dimensións das súas características na nosa terra) permitirá un coñecemento máis xeral (e ao mesmo tempo máis concreto) dos 7.000 bens que ten rexistrados a día de hoxe.
O servizo Patrimoniogalego.net para Google Earth é unha ferramenta engadida e complementaria para seguirmos de preto a evolución do inventario, “empregándoo en combinación cun dos programas SIX (Sistemas de Información Xeográfica) máis potentes e populares de Internet”, sinalan os responsábeis da iniciativa, que recalcan tamén que o único requirimento é que descarguemos un ficheiro KMZ para abrilo logo dende Google Earth. Segundo engaden dende Patrimoniogalego.net amosando máis detalles do funcionamento da nova incorporación, cómpre que teñamos en conta que cada noite o servidor de seu realiza unha operación para converter a base de datos do inventario nun ficheiro KMZ, que é a estrutura de datos que sustenta Google Earth. Polo tanto, aconsellan que baixemos de novo a ferramenta engadida, “de cando en vez”, para gozar dos contidos actualizados con todos os últimos engadidos á base de datos. Lembran que arestora xa figuran xeolocalizados máis de 6.800 elementos, “e a cifra non para de medrar”.
Por certo que estes datos baixo licenza Creative Commons, polo que non se poden copiar nin darlles uso sen respectar a fonte orixinal, a de patrimoniogalego.net, acreditándoa de maneira axeitada, como tamén cómpre recoñecer a autoría do catalogador. Dende o catálogo en liña agradécenlle a Eladio Rial, técnico do equipo, a escritura deste software que din, “multiplica as posibilidades do servizo”.
Creado co soporte técnico de WordPress, patrimoniogalego.net é un Sistema de Información Xeográfica (SIX) aberto á cidadanía, independente e sen ánimo de lucro, dado que ten como fin a preservación do patrimonio cultural galego, polo de agora limitándose aos bens de carácter inmóbel Nel participan unha serie de voluntarios, profesionais en distintas disciplinas, que decidiron sacar adiante este proxecto de xeito altruísta e desinteresado a partir da iniciativa do divulgador e profesor da USC Manuel Gago. O corpo de editores que supervisan as fichas está formado por Adela Oyonarte, Franjo Padín, Carmela Sánchez Arines, Xosé Gago e mais Elixio Vieites, mentres que Milagros Bará, Álex Bragaña e Soledad Felloza integran o corpo de produción. Das cuestións xurídicas ocúpase o avogado Bernardo Dios, ao tempo que Eladio Rial e Manuel Gago encárganse do deseño e do mantemento da web. Por último, os xornalistas Xurxo Salgado e Félix Aragunde son os responsábeis da comunicación.

PUBLICIDADE