Os aspectos legais, sociais e económicos da Bitcoin, polo miúdo este xoves na ETSE de Santiago
mércores, 29 de outubro do 2014
A
Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago
vai acoller este xoves unha
xornada sobre as potencialidades e implicacións da moeda virtual
Bitcoin. A cita, que comezará ás 12.00 horas no salón de actos
da escola, xirará arredor das vertentes éticas, económicas,
sociais e legais deste tipo de moeda. Asemade, na sesión falarase
dos fundamentos criptográficos nos que se basea a Bitcoin e das
distintas motivacións que levaron á creación desta moeda virtual,
unha tecnoloxía-valor de cambio que se caracteriza entre outras
cousas “por ser descentralizada e por permitir realizar
transaccións económicas dun xeito anónimo”, sinala a USC.
O
relatorio correrá a cargo do profesor do Laboratorio de Bioenxeñaría
da Universidade San Pablo CEU, Abraham Otero Quintana.
Bitcoin,
explica a organización da xornada, é “unha moeda que como
calquera outra pode usarse para comprar unha camiseta, un disco duro
para o ordenador ou un café nos establecementos que a acepten”.
Asemade pode tamén intercambiarse en mercados de divisas por outras
moedas como dólares ou euros. “Porén”, sinala a organización,
“aquí rematan as semellanzas, porque Bitcoin é unha moeda virtual
sen ningún tipo de representación física, que garante o anonimato
das transaccións e só apoiada por unha rede P2P de usuarios en
Internet”.