Organizan un concurso en liña de mensaxes de amor para dinamizar o galego na Rede

venres, 20 de abril do 2012 Redacción

Valentín García e Ovidio Rodeiro durante a presentación do concursoCon gallo da dobre celebración, o 17 de maio, do Día das Letras Galegas e do Día da Internet, as consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Traballo e Benestar, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, respectivamente, presentaron hoxe en rolda de prensa o concurso de declaracións de amor en galego vía internet Lingua de namorar.
Os obxectivos da nova iniciativa son fomentar a participación en galego da mocidade, aumentar a presenza do noso idioma en internet e animar ao seu uso nas relacións interpersoais, de acordo co establecido polo Plan xeral de normalización da lingua galega nos ámbitos da mocidade e das novas tecnoloxías.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recordou durante a presentación que o galego é actualmente “a lingua que preferimos para falar coa xente que queremos: os amigos, a familia, as persoas que temos preto”, mais que pode ser tamén “a lingua que usemos para dirixirnos a persoas descoñecidas e iniciar relacións novas que, se comezan en galego, se manterán en galego”. García Gómez destacou tamén que o noso idioma, “que foi lingua de namorar na Idade Media, pode seguir séndoo hoxe e esperamos que así o entenda a mocidade galega”. Neste sentido, indicou que “o prestixio literario que tivo e ten a lingua galega debe complementarse co que hoxe ofrecen outros medios, coma internet”.
Ata o 17 de maio, os mozos e mozas que queiran participar poderán inscribirse e colgar as súas declaracións, de menos de 350 caracteres, na páxina web do concurso, onde se poden consultar as súas bases. Todas as declaracións serán alí visibles, onde figurarán de forma anónima, para que, a partir do Día das Letras Galegas e Día de Internet, as persoas que o desexen poidan votar polas que máis lles gusten.
Neste mesmo senso, Ovidio Rodeiro, director xeral de Xuventude e Voluntariado, fixo fincapé en que a promoción do idioma galego é necesaria e, por iso, lembrou que é unha das prioridades da primeira Lei de Xuventude de Galicia.
As bases establecen dúas categorías (unha para mozos de 14 a 19 anos e outra para mozos de 20 a 35) e tres premios por categoría consistentes en produtos tecnolóxicos coma un iPad, unha Wii ou un lector de libros electrónicos, entre outros.

Valentín García e Ovidio Rodeiro durante a presentación do concurso

PUBLICIDADE