OpenOffice.org reorganízase coma The Document Foundation e LibreOffice

mércores, 29 de setembro do 2010 Marcus Fernández

A adquisición de Sun Microsystems por parte de Oracle levou ao proxecto de software libre OpenOffice.org a buscar unha nova identidade (pois a marca OpenOffice pasa a ser agora propiedade de Oracle, compañía que podería botar o peche ao proxecto en calquera momento para priorizar alternativas de pagamento) e así organízanse baixo unha nova comunidade chamada The Document Foundation, pasando a súa coñecida aplicación ofimática a responder polo nome de LibreOffice.
Este novo proxecto conta con moitos apoios da industria do software libre (Novell, Google, Red Hat, Canonical…), polo que ten a súa viabilidade garantida. Os voluntarios organizados na nova Fundación tamén solicitaron a Oracle que pase a formar parte da nova entidade e que libere a marca OpenOffice.org (aínda que polo momento non hai resposta a tal invitación).
Polo que parece, os usuarios actuais de OpenOffice.org non deberían preocuparse, pois os cambios no produto limitaríanse a un cambio de nome, xa que é de agardar que os actuais colaboradores do proxecto continúen no mesmo tras este cambio de rumbo.

PUBLICIDADE