Office 365 estrea unha edición persoal económica

martes, 15 de abril do 2014 Marcus Fernández

Microsoft quere deixar a un lado o seu produto Office 2013 para potenciar á subscrición ao servizo Office 365, que aparte das aplicacións de escritorio e certos servizos en liña (como espazo adicional en OneDrive e minutos en Skype) permite tamén empregar as aplicacións de Office para iPad sen limitacións (en caso contrario as aplicacións só serven para ver documentos e presentalos, pero non para editalos). Pero esta subscrición no ámbito doméstico partía dunha opción que podería considerarse pouco asumible (10 euros/mes para familias con ata 5 equipos informáticos) polo que veñen de estrear Office 365 Personal, servizo que pode contratarse por 7 euros/mes ou 69 euros/ano, aínda que podendo empregarse só nun ordenador (PC ou Mac) e nun tablet. Este servizo inclúe tamén 20 Gb de espazo adicional en OneDrive e 60 minutos/mes de chamadas internacionais a través de Skype a máis de 60 países.
Office 365 persoal inclúe as aplicacións Word, Excel, PowerPoint, OneNote, Outlook, Publisher e Access sempre actualizadas, orientando o seu uso á nube, para que poidamos ter os nosos documentos dispoñibles en todos os nosos dispositivos. Este lote de aplicacións tamén estaría dispoñible nunha versión ordinaria (Office Profesional 2013) por un prezo de 539 euros, polo que a subscrición anual parece unha opción moi beneficiosa para que precise de todas estas ferramentas informáticas (mentres que os usuarios máis básicos, que só precisen de Word, Excel, PowerPoint e OneNote, poderían conformarse co Office Hogar y Estudiantes 2013 por só 119 euros).

PUBLICIDADE