OSHWDem 2016 acubillará retos con labirintos e con robótica de combate

venres, 19 de agosto do 2016 Redacción

A xuntanza OSHWDem, unha cita referencial impulsada por BricoLabs para os defensores de “faino ti mesmo”, vai dar a acubillo a todo tipo de actividades participativas e colaborativas con independencia do nivel tecnolóxico que atesouremos. Así, ao torneo de robótica para "negados" en robótica que anunciamos os días pasados dende Código Cero cómpre sumar tamén a Competición de combate 2016 e, a maiores, a Competición do labirinto. Lembrar que a cita é o 5 de novembro na Domus da Coruña e en vindeiras datas poderemos ir sabendo máis cousas do programa previsto, unha vez máis artellado sobre todo tipo de achados e ideas relacionados co hardware e a cultura libre.
Respecto da Competición de combate, sinalar que malia o seu nome, será unha actividade construtiva e de lecer onde primará, ante todo, a arela de crear aparellos en clave de diversión. Segundo advirte a organización, a inscrición é de balde pero debido ás características do evento e do local, terá o aforo limitado. Outra das accións prevista é a Competición do labirinto, en palabras de BricoLabs “a proba máis complexa de todas as que se van celebrar na Feira de Tecnoloxía Aberta”, unha competición que “require unha destreza en varios eidos de actividade, como a mecánica, a programación e a lóxica matemática”. Segundo lembran os organizadores, o reto non pode ser máis interesante, xa que na primeira edición ningún participante logro completar o percorrido.

PUBLICIDADE