O videoxogo coruñés AR-K verá a luz en Steam a semana que vén

luns, 14 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Fernando Priento, de Gato Salvaje, explicando a súa experiencia en Kickstarter na pasada edición da HobbyCon na Coruña

Xa hai máis dun ano que o estudio coruñés de videoxogo Gato Salvaje conseguiu trunfar en Kickstarter, xuntando 101.564 dólares para que a súa aventura gráfica AR-K puidese acadar o financiamento para converterse nunha realidade, e tras estes meses de espera por fin vemos como se achega o lanzamento do produto final, que hoxe mesmo incorporouse á tenda en liña Steam en pre-venda, a un prezo de 7,99 euros (xa que ten un 20% de desconto como oferta de lanzamento), de xeito que a partires do 21 de xullo poderán descargarse os dous primeiros episodios do xogo que estará dispoñible con voces e texto en español e inglés. Aparte de Steam, o xogo tamén estará dispoñible noutras plataformas como Desura, Gamersgate, Windows Store e Mac App Store, chegando así a un público moi amplo.

O primeiro episodio de AR-K pode revisarse agora cun acabado mellorado

Nos últimos meses o primeiro episodio de AR-K estaba dispoñible para a súa descarga de balde, pero co relanzamento do xogo teremos a posibilidade de volver a gozar dos inicios desta aventura cuns gráficos mellorados, animacións máis coidadas, unha interface modificada, uns escenarios máis detallados e incluso unha nova dobraxe, de xeito que queda así á altura do seu segundo episodio, que ao ser desenvolvido máis tarde podía gozar de melloras tecnolóxicas que foron xurdindo nos últimos meses e da experiencia que foi gañando o seu equipo de desenvolvedores.
Este xogo que fai uso do motor Unity 3D está protagonizado por Alicia Van Volish, unha ex policía que busca converterse en xornalista, o que a leva a meterse nunha complexa investigación na que o descaro da moza axuda a animar a narrativa deste point and click que conseguiu o apoio do público en boa medida grazas ao apoio de figuras internacionais como o guionista de comics Greg Rucka (con numerosos traballos para Marvel e DC, catro premios Eisner e experiencia na guionización de videoxogos ao encargarse da historia do título para PSP Syphon Filter: Logan’s Shadow) e a actriz de dobraxe Ash Sroka (popular por dar voz a Tali’Zorah na saga Mass Effect).

AR-K completará nos vindeiros meses os seus 4 episodios

PUBLICIDADE