SICON

Deputacin de Pontevedra

O noso boletín por e-mail conta xa con 3015 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

O vídeo en 3D do grupo Divulgare sobre algas mariñas, recoñecido cun novo premio

martes 15 de novembro do 2011, por Fernando Sarasqueta | | Compartir | |

Seguimos coa ciencia, entre outras cousas porque este mes celébrase na nosa terra (e no resto do Estado e en toda Europa) a Semana da Ciencia, un evento que se dirixe a crear vocacións e a pór de manifesto o necesaria que é a profesión de investigador. Asemade, tamén se encamiña a divulgar ciencia, de xeito ameno e directo, e isto precisamente é o que se valora no certame On zientzia, concurso convocado dende Euskadi por ETB Teknopolis, un programa de alcance e prestixio mundial onde se destaca, cada ano, o traballo ben feito en materia de información científica para aquelas persoas que non teñen grandes coñecementos de información científica. Pois ben, dáse a casualidade de que na nova edición foi recoñecido un traballo galego, un vídeo de Divulgare sobre as estratexias adaptativas a través da bioluminiscencia das algas Noctilucas scintillans.
A peza, que acadou o primeiro premio pola súa calidade técnica e pola súa capacidade para dar conta directa dun tema que a priori semella complexo e técnico de máis, foi feita en 3D baixo o título Estratexias adaptativas: hipótese da alarma contra ladróns.
"O premio supón un orgullo dobre porque ábrenos portas na televisión autonómica e tamén porque conseguimos que unha persoa que aseguraba que a bioloxía non lle interesaba para nada elixira o traballo porque consideraba que lle transmitira de xeito ameno información que descoñecía”, informoulle á Universidade de Vigo o director do grupo, Luis Navarro.
Segundo se engade na páxina da institución educativa galega, non é a primeira vez que o devandito vídeo recibe un recoñecemento internacional. De feito xa foi obxecto dunha mención de honra nos Premios Prismas de Bronce por reflectir o traballo dun grupo científico “de xeito claro, conciso e ben enfocado”. The Scientist, a revista de prestixio internacional, distinguiu a peza co premio do público.
O obxectivo do traballo, engaden os seus responsábeis, é divulgar entre a cidadanía a capacidade destas algas microscópicas para brillar como modo de defensa, “fenómeno de bioluminiscencia que incluso Darwin tentou explicar a través da teoría da Alarma contra ladróns: as noctilucas, presa habitual de crustáceos transparentes, son quen de brillar no interior do seu depredador e convertelo nunha alarma fosforescente coa que atraer axuda”. A peza inclúe imaxes en 3D obtidas a través dunha cámara microscópica que un científico bota pola borda dun barco e que expón ante os espectadores todo tipo de segredos fondo do mar.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

 RSS