O sustentábel e o ecolóxico, ingredientes básicos dos enxeños amosados estes días en Galiciencia

xoves, 20 de novembro do 2014 Redacción

Como xa adiantamos esta semana dende Código Cero, inserida no programa de actividades da Semana da Ciencia en España botaba a andar onte a feira Galiciencia 2014, a feira científica galega que se estenderá até mañá venres 21 de novembro e que ten lugar na Tecnópole-Parque Tecnolóxico de Galicia (Ourense). Patrocinada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e a Consellería de Economía, a Galiciencia ten entrada de libre e expón 64 proxectos de investigación procedentes de toda Galicia. Por exemplo: vehículos sustentábeis, un dron para vixiar os nosos montes e loitar contra os incendios forestais ou un enxeño para facermos biodiésel caseiro.
No que se refire a cifras e procedencias, están a ser expostos 27 proxectos de Ourense e Pereiro de Aguiar -entre os que se atopan os dos alumnos das Aulas Tecnópole e do campamento tecnolóxico de verán da Tecnópole-; 15 de Vigo, 5 de Pontevedra, 4 de Cambre, 3 de Santiago de Compostela, 2 de Ferrol, 2 de San Sadurniño, 1 de Ortigueira, 1 de Teo e 4 de Barcelona. De todos eles, 44 son de equipos de Secundaria e FP e os 20 restantes protagonizan a sección especial que se habilitou de maneira específica para proxectos de Primaria.
Os vehículos de todo tipo protagonizan boa parte dos proxectos este ano. Á cúpula para bicicletas, o dron contra incendios e o freo para cadeiras de bebé súmanse un robot submarino desenvolvido en Ortigueira que se une á consola de mando mediante un cordón umbilical e un prototipo de coche con sensores para facilitar a condución segura, este último deseñado por alumnos de Pontevedra.

O conselleiro de Economía, coñecendo de primeira man os enxeños amosados


A reciclaxe de residuos e a xeración de enerxías limpas é outra constante na Galiciencia desta convocatoria 2014. A obtención biodiésel e xabón elaborado a partir de aceite usado de cociña (este último a cargo de alumnos de Primaria de San Sadurniño), o deseño dunha central térmica de hidróxeno realizado nas Aulas Tecnópole e a fabricación de soletas para zapatos e calcetíns a partir das labras de madeira dos lapis (a cargo de alumnos de Pereiro de Aguiar), son algúns exemplos desta temática.
No eido da alimentación, estudantes vigueses presentan un prototipo de cultivo de leitugas con luces LED, un sistema de conservación de alimentos mediante ultrasóns desenvolvido nas Aulas Tecnópole e a extracción de ferro en cereais de almorzo por parte de alumnos pontevedreses.
En canto ao uso das novas tecnoloxías, presentouse un sistema de control parental de páxinas web mediante sinais auditivos froito do campamento de verán da Tecnópole, xunto cun estudo sobre os efectos dos videoxogos na nosa capacidade de concentración, que segundo os resultados obtidos son beneficiosos.
No apartado dos estudos, un equipo ourensán analizou a efectividade do uso do medo como factor persuasivo para o aumento das vendas, alumnos de Vigo recuperaron a figura do afiador-paraugueiro en Galicia e estudantes de Cambre mediron o nivel de ruído que soportan os adolescentes nos institutos e investigaron se comer chicle ao tempo que se fai un exame mellora os resultados.
Alén de todo isto, a Fundación Barrié expón a mostra de fotografía InvestigArte e achegará hoxe unha charla para que os docentes coñezan a iniciativa educaCiencia.
Engadir que xa dende onte daban comezo as actividades parellas á exposición de proxectos, que inclúen: obradoiros conmemorativos do Ano Internacional da Cristalografía e da Agricultura Familiar e do Ano da Biotecnoloxía en España, amais da elaboración colectiva por parte de estudantes tanto do vídeo coma da revista oficial da Galiciencia.
Cómpre subliñar que dende ás 10 horas desta mañá todos os que o desexen poden asistir desde o seu colexio ou a súa casa ao espectáculo Arpexos de ciencia a través da web da Tecnópole.

PUBLICIDADE