O software libre galego pecha fileiras arredor do Día da Liberdade dos Documentos

mércores, 16 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

O vindeiro 30 de marzo celébrase a nivel internacional o Día da Liberdade dos Documentos (DFD), unha mobilización impulsada por plataformas e colectivos ligados ao coñecemento libre e que xorde entre outras cousas coa finalidade de contribuír ao afianzamento dos formatos abertos para a preservación dos nosos documentos dixitais, facilitando logo a súa plena recuperación por parte de quen os precise. Dito doutro xeito e para que se entenda: trátase de mobilizar ao uso xeral de feituras que sexan cen por cen accesibles e compatibles cos recursos da comunidade internauta mundial. Isto sería aplicable a tódolos niveis: a nivel corporativo (onde menos se aposta por tirar abaixo os límites), a nivel de usuario e nivel público (as administracións soen dar neste eido unha de cal e unha de area). Pois ben, a comunidade galega de programadores e usuarios de software libre non fica á marxe desta celebración, máis ben o contrario.
Froito disto é a celebración da xornada galega do Día da Liberdade dos Documentos, que ten lugar na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo o vindeiro 30 de marzo.
O evento, do que en breve poderemos subministrar datos relativos sobre todo ao programa de actividades, ten xa unha parte do traballo andado, logo da publicación dos recursos de divulgacións ligados ao Día, material elaborado por Marina Latina (FSUG Italia) e traducido á nosa lingua por Proxecto Trasno. Esta documentación fica xa ao alcance da man da nosa comunidade internauta, á que se lle convoca para participar nesta xornada a prol da accesibilidade e a liberdade na información.

PUBLICIDADE