O software libre está presente na práctica totalidade das universidades españolas
mércores 10 de marzo do 2010, por |
CENATIC (o Centro Nacional de
Referencia de Aplicación das TIC baseadas en fontes abertas), vén de presentar
en Madrid o seu Estudo sobre a situación
actual do software de fontes abertas nas Universidades españolas e Centros de
I+D españois, un informe (o primeiro destas características) que
incorpora información cualitativa e cuantitativa sobre o estado da implantación
e uso das tecnoloxías libres no nundo académico e investigador en España, e as
conclusións son moi positivas para todo o sector.
Esta entidade pública, que elaborou
o informe a través do Observatorio Nacional do Software de Fontes Abertas
(ONSFA) en colaboración co grupo Libresoft da Universidade Rey Juan Carlos de
Madrid, entre outros, inclúe os resultados dunha enquisa sobre o uso de fontes
abertas na universidade, así como o estudo de 25 casos de implantación,
desenvolvemento e promoción de tecnoloxías libres, e unha selección de 20
proxectos I+D en torno ao software de fontes abertas financiados por programas
de ámbito estatas e europeo.
Os resultados do estudo inclúen
información estratéxica de utilidade para os responsables da toma de decisións tecnolóxicas,
e segundo informan dende o propio Centro, “axuda
a comprender os beneficios que o software libre aporta en tódolos ámbitos”.
O informe, presentado hoxe mesmo durante a III Asemblea de Morfeo desenvolvida na
capital, reflicte que o software de fontes abertas está presente na práctica
totalidade das Universidades e Centros de I+D españois. De feito, no caso das
Universidades, baséanse en software libre o 60 por cento dos seus servidores, o
42 por cento das súas bases de datos, o 67 por cento do seu correo
institucional, o 87 por cento das súas ferramentas de xestión de contidos, o 67
por cento dos seus sistemas antispam, o 40 por cento dos seus campus virtuais, ou o 44
por cento das súas solucións de administración electrónica.
Por outro lado, o estudo tamén reflicte que o 83 por cento das universidades
contan con algún grupo de investigación sobre este tipo de software, que buscan
asemade a transferencia tecnolóxica das súas ferramentas á industria. No 57 por
cento das universidades existen ademais asociacións de usuarios de apoio ás
tecnoloxías libres, e no 90 por cento das mesmas impartíronse materias
relacionadas coas tecnoloxías abertas. A publicación dos resultados da I+D
baixo licenzas libres é outro dos resultados máis visibles do uso de metodoloxías
baseadas na cultura do software libre.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

















