O servizo de localización en liña Hipoqih muda de nome e galeguízase: agora é Ipoki
mércores 9 de xaneiro do 2008, por | |
| Compartir |
Xa o dixemos hai uns meses: na nosa terra estanse a facer cousas interesantes en materia de rede participativa e social, e o servizo Hipoqih posto en marcha dende a Coruña por un grupo de amigos e amigas semellaba virnos ó pelo para deixar ben asentada unha boa parte dese argumento. Pois ben, este servizo (que consiste en facilitarnos as ferramentas precisas para dicirlle ó mundo enteiro por onde andamos, enténdase fisicamente), vén de incluír unha serie de novidades. Para comezar, hai nova web e novo nome: Ipoki.com.
A incorporación deste novo apelativo (máis curto e, sobre todo, máis doado de escribir á hora de procuralo en buscadores, posto que é ben complicado pór unha “q” sen unha “u” despois), complétase coa que sen dúbida é a gran novidade do servizo web: a posta en marcha dunha versión en galego.
Polo demais, segundo nos conta un dos responsables da páxina, Andrés Ribera, a fórmula xa desenvolvida de funcionamento mantense, con todo o que iso implica de comunicarlle a todas as nosas amizades o sitio exacto onde nos atopamos a través da web Ipoki.com e un plugin que se descarga nun equipo ou terminal móbil con acceso á Rede e GPS.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68














