O programa de capacitación tecnolóxica Faite Dixit@l abrangue máis de 160 actividades

luns, 1 de setembro do 2014 Redacción

O vindeiro 22 de setembro vaise pór en marcha na nosa terra unha iniciativa de formación e divulgación para fortalecer a parte do noso currículo que máis relación ten coas novas tecnoloxías da información. Trátase de Faite Dixit@l, un itinerario de capacitación tecnolóxica orientado a ofrecer aos participantes ferramentas e coñecementos que favorezan a empregabilidade, o emprendemento e a adquisición de coñecementos e competencias TIC. Detrás deste programa atópase a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración con Academia Postal e Fundetec.
A iniciativa, na que pode participar calquera (a inscrición ábrese o 5 de setembro nas aulas CeMIT e na web desta rede), abrangue máis de 160 actividades de balde ata o mes de decembro. Segundo explica AMTEGA, superaríanse as 500 horas de duración.
O programa foi presentado a semana pasada pola directora da Axencia, Mar Pereira, o coordinador de proxectos de Academia Postal, Miguel Caneda e a xerente de proxectos de Fundetec, Lourdes Iglesias. Segundo fixeron saber, o itinerario ofrece como actividades centrais bloques temáticos sobre a configuración de dispositivos móbiles e a programación de aplicacións; sobre ferramentas web 2.0 para o desenvolvemento de contidos especializados no eido da Sociedade da Información e sobre estratexias de publicidade e mercadotecnia en liña e a súa aplicación no eido do comercio electrónico e de vendas por Internet.
Cada unha destas actividades terá unha duración entre 25 e 30 horas, repartidas en sesións diarias de 4 horas a través do sistema de videoconferencia do que dispoñen as aulas CeMIT, e que contarán con edicións de mañá ou tarde para favorecer a asistencia dos interesados. “Os contidos destas actividades”, engadiron, “están deseñados para o proxecto de xeito específico e os usuarios terán a súa disposición asesoramento para avaliar a súa evolución”.

PUBLICIDADE