O programa da edición 2012 de Culturgal xa recibiu 156 propostas de actividades

luns, 1 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

Culturgal 2012 xa ten, practicamente, o programa máis que encamiñado. Segundo informa a organización da Feira das Industrias Culturais de Galicia, a desenvolver en Pontevedra do 30 de novembro ao 2 de decembro, isto é posíbel grazas ao importante apoio recibido de mans das empresas galegas do sector, mergulladas nunha fonda crise de ingresos e máis de apoios institucionais pero, aínda así, xerando novas propostas e ideas e buscando saídas para seguir desenvolvendo o seu labor de primeira liña: impulsar as múltiples expresións da nosa cultura e facer riqueza delas. A día de hoxe, falando en números, cóntase con máis de 150 propostas recibidas. Con estas cifras, contan os promotores do encontro, dase “boa conta da creatividade e do talento que hai en Galicia, a pesar do difícil momento que vive a industria”.
Foron 88 as entidades que propuxeron as 156 actividades para o programa oficial de Culturgal. Destas propostas, 55 son musicais, 37 pertencen ás distintas pólas das artes escénicas, 31 ao sector editorial, 10 ao audiovisual, 7 ás novas tecnoloxías da información e a comunicación e 16 a outros gremios da creación cultural.
Polo que respecta aos públicos, 93 das actividades propostas están pensadas para o público xeral e 63, para o familiar. A organización afronta a escolma das propostas máis interesantes, “dándolles prioridade a aquelas que experimenten con formatos de presentación singulares, non estandarizados, que incidan na participación do público, así como a aquelas que acheguen o público aos procesos creativos, impliquen a colaboración intersectorial e supoñan a estrea de produtos e proxectos novos”, engádese.
Por certo que o prazo para reservarmos espazo en Culturgal remata o 10 de outubro. O equipo da organización ofrece este ano diversas facilidades no pagamento dos stands, cunha nova opción: as empresas poden formalizar a contratación de espazo en calquera intre por 100 euros e abonar o resto unha vez finalice a feira, beneficiándose da oportunidade comercial que supón o propio evento.
As empresas que afronten a totalidade do pagamento no momento da contratación contarán cun desconto do 10% que se engadiría ao 15% de desconto que xa teñen as empresas e entidades asociadas a calquera das organizacións que forman parte da Asociación Culturgal.

PUBLICIDADE