SICON

Deputacin de Pontevedra

O noso boletín por e-mail conta xa con 3015 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

O profesor Miguel González Loureiro fai un chamamento por optimizar a transferencia de innovación

xoves 29 de decembro do 2011, por Fernando Sarasqueta | | Compartir | |

JPEG - 130 KB
O profesor Miguel González Loureiro recibiu o premio extraordinario de doutoramento da Universidade de Vigo con esta investigación

Da Universidade de Vigo chéganos estes días un exhaustivo informe sobre o noso tecido empresarial que certifica, unha vez máis e para que non quede dúbida algunha ao respecto, que a crise só se vai poder solucionar pola vía do coñecemento e do traballo en mancomún arredor dese coñecemento. O traballo en cuestión vén da man do profesor Miguel González Loureiro, que afonda na súa tese de doutoramento na importancia de crear estreitas canles de colaboración, reais e útiles, entre o tecido produtivo, os centros tecnolóxicos de investigación e máis as universidades.
Asemade, o profesor avalía no seu traballo até que punto inflúe a xestión de intanxibles (o valor do coñecemento que se crea e desenvolve) no medre a medio prazo das pequenas e medianas empresas innovadoras. O investigador conclúe que a clave do crecemento está na interactuación entre a vertente humana e estrutural das PEME, “o coñecemento que queda na empresa”. Segundo fai saber a Universidade de Vigo, unha das principais particularidades da tese, recoñecida co premio extraordinario da institución académica galega, é o estudo pormenorizado do tecido institucional de fomento da innovación que temos activo na actualidade, un eido de investigación con gran potencial pero que, sen embargo, até o de agora non resultou determinante para o medre das nosas empresas innovadoras. Entre as eivas detectadas inclúese a seguinte: unhas canles habilitadas que non amosaban a mellor comunicación posíbel coa súa contorna. Para o autor da tese, un modelo a seguir sería a Universidade de Vigo, que leva anos tentando mellorar o devandito atranco comunicativo, apostando de xeito firme pola transferencia de información innovadora como fórmula de medre económico e social.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

 RSS