O presidente de Nintendo asegura que a Wii será a consola máis vendida de todos os tempos

martes, 17 de xullo do 2007 Matías Olazabal

Tendo en conta as vendas de nova consola de xogos controlada por sensor de movementos -máis coñecida como Nintendo Wii- o presidente da firma, Satoru Iwata declarou durante unha conferencia sobre videoxogos celebrada en Santa Mónica que a mesma vai camiño a transformarse na consola máis vendida da historia, e até podería superar as 120 millóns de unidades vendidas pola xa clásica Playstation2 de Sony.
Segundo o presidente da compañía, o novo trebello supera mes a mes ás vendas das rivais Playstation3 de Sony, e Xbox360 de Microsoft, e xa obrigou ós seus competidores a baixar prezos e a procurar alternativas nas súas propostas para mellorar a súa presenza no mercado (como é o caso da nova PSP, que podería ser presentada nos vindeiros meses).
Con menos dun ano no mercado, e cunha proposta de xogos aínda limitada, a Wii conta no seu primeiro semestre de “vida” con 5.8 millóns de unidades vendidas e, aínda hoxe, a demanda supera os niveis de produción e distribución, facendo que nalgúns lugares dos EE UU sexa tan difícil facerse con unha que a xente xa as pon a venda en sitios coma Amazon.com a un prezo que dobra ó PVP, unha sorte de auténtica revenda de consolas.
Novos xogadores
A estratexia da compañía nipona é, segundo o dito polo seu presidente na conferencia de xogos E3, que (contrariamente o que buscan os seus competidores directos), a Wii tente captar un mercado de persoas que decote no fan uso dos videoxogos -entre as que se cita sobre todo a persoas adultas e non existe predominancia de homes, como ocorre cas consolas tradicionais.
Estes grupos de consumidores, a diferenza dos grupos de rapaces que buscan complexas aventuras gráficas e efectos espectaculares en xogos que esixen una gran habilidade para converterse nun bo xogador, vén na consola de Nintendo un xeito de diversión que atrae xustamente por ter características opostas as devanditas: facilidade de emprego e interface de control intuitiva.
Lonxe de ter descuberto este nicho de mercado coa Wii, os directivos da Nintendo viron como a consola portátil DS vendíase a persoas que a priori non estaban dentro do mercado dos videoxogos, e, tralo lanzamento de programas coma o Brain Trainer as vendas a estes grupos de novos xogadores convertéronse nun éxito, que agora recolle tamén a nova videoconsola da firma baseada en Tokío.
Primeiros casos de Wiiitis
O doutor Julio Bonis, membro do equipo de investigación de Biomedicina Informática de Barcelona, espertou un día cunha dor no seu ombreiro, semellante á que podería ser causada por unha lesión na práctica deportiva. Porén, nos últimos tempos non tiña practicado deporte algún; lonxe disto, pasara varias horas deitado no sofá da súa casa. Non tardou moito en lembrar a sesión de varias horas que botou xogando ao tenis virtual na súa nova consola.
Se ben o diagnóstico non foi serio e sandou só tras unha semana de descanso, o profesional informou da súa lesión ó New England Journal of Medicine e, desta forma, sentou precedente da nova lesión, a cal tamén había sufrira previamente un amigo.
Como este profesional explicaría máis tarde, o feito de controlar as accións do noso personaxe con movementos reais fai que a falta de forma física non se transforme en impedimento, e os usuarios poden pasar moitas horas xogando e facendo uso de grupos musculares que no están desenvolvidos abondo para resistir longas sesións de deportes virtuais da noite á mañá.
Coma curiosidade, cómpre mencionar que as lesións derivadas do uso de videoxogos remóntanse ó ano 1981, cando o xogo Space Invaders empezou a causar entre os seus usuarios máis empedernidos problemas na man dereita polo constante movemento da mesma para disparar ós marcianos.

PUBLICIDADE