O prazo para inscribirnos no Máster en Enxeñaría Informática da Uvigo remata esta semana

luns, 1 de setembro do 2014 Redacción

Os días pasados convocouse dende o Campus de Ourense (Escola Superior de Enxeñaría Informática), unha das grandes achegas formativas do noso panorama académico, xa non só TIC, senón atendendo a criterios xerais de coñecemento. Trátase do Máster Universitario en Enxeñaría Informática da UVigo, unha convocatoria dirixida a profesionais e titulados que desexen ampliar a súa preparación e incrementar o seu nivel de cualificación profesional. Trátase dun máster adaptado ao Espazo Superior de Educación Europeo. O prazo para inscribírmonos nel remata o mércores desta semana, 3 de setembro.
Segundo informaron os responsábeis desta achega de formación avanzada, as especialidades e os contidos que acubilla subministran “os coñecementos precisos para traballos que teñan un elevado nivel de empregabilidade na contorna socioeconómica galega e estatal”. A organización do máster, para corroborar o devandito dato, engade que segundo un estudo recente dos Colexios Profesionais de Enxeñaría e Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, os enxeñeiros/as en informática teñen unha situación laboral moi favorable, aproximándose ao pleno emprego (o 94,8% atópanse traballando).
Volvendo ao programa de actividades previstas, dicir que o horario académico será uniforme, abríndose a posibilidade real de que os alumnos poidan facelo compatíbel con outras accións docentes e formativas. O máster estrutúrase en 3 cuadrimestres e ten unha carga docente de 90 ECTS. No terceiro cuadrimestre os alumnos terán que elixir especialidade: Deseño e administración de sistemas e redes; Dirección de informática ou Calidade de procesos e Servizos informáticos. Todas as especialidades inclúen prácticas profesionais en empresas e a realización dun proxecto fin de máster.
A formación está dirixida principalmente a graduados en Enxeñería Informática e que desexen obter unha titulación de segundo ciclo, e alumnos que se atopen en disposición de distintos títulos LRU relacionados coa informática que desexan adaptar o seu currículo á nova estrutura de formación definida polo Espazo Superior de Educación Europeo.
Como dixemos, o pazo de inscrición remata este 3 de setembro de 2014 e pode facerse online de maneira sinxela en master.enxeñeriainformatica.es.

PUBLICIDADE