O potencial comercial e o prestixio do .gal, eixe dunha xornada na Cámara de Comercio de Santiago

luns, 27 de outubro do 2014 Redacción

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela celebra este martes 28 unha xornada de balde sobre o prestixio e as posibilidades comerciais e comunicacionais que se abren co dominio de Internet propiamente galego. O evento Imaxe de empresa e a marca na Rede: Dominios .gal, a túa identidade desenvólvese no salón de actos da entidade, en horario de 10.00 a 14.00 horas. A xornada estará impartida pola directora do departamento de Dominios da empresa Herreros & Asociados, Vicky Ruiz, que explicará a función e o valor empresarial dos dominios de Internet e o procedemento de rexistro, “nunha contorna en liña actual que provoca a necesidade de reinventar novas estratexias de mercadotecnia dixital”.
A xornada, engade a organización da mesma, “pon de manifesto a importancia que teñen para as empresas os dominios de Internet, xa que estes convertéronse en marcas dixitais, sendo imprescindíbeis para a promoción de actividades e produtos, a interrelación con clientes e provedores, o comercio electrónico e a publicidade”. En boa medida, afondarase en exemplos específicos do devandito como os dominios específicos .tienda, dirixido ás empresas de venda en liña, .company, .food ou .menu destinados ás firmas de alimentación, .guru, .technology, .tips, .photos ou .systems., que forman parte dos 1.700 dominios xa aprobados pola entidade Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN) e que entrarán en funcionamento de xeito progresivo durante os vindeiros meses “e cun prezo axustado”, sinálase.
Ao mesmo, tempo na xornada farase fincapé no dominio .gal, como identidade de todos os galegos. Segundo avanza a relatora, “o dominio .galego servirá como identificación da orixe xeográfica da empresa, achegando un valor engadido aos produtos, sobre todo en sectores como a alimentación e o téxtil galego”. A experta avanza tamḉen que o uso destes novos dominios pode ser moi importante pola súa preferencia no posicionamento en buscadores de Internet como Google.
Vicky Ruiz describirá tamén a posta en marcha do Trademark Clearinghouse, o mecanismo máis importante creado para protexer as marcas e dereitos de propiedade industrial de empresas e particulares de todo o mundo.

PUBLICIDADE