O portal de inserción laboral da ONCE acubilla xa 4.130 empresas colaboradoras

mércores, 23 de abril do 2014 Redacción

Os froitos obtidos polo portal e as últimas novidades introducidas presentáronse esta semana en Madrid

A Fundación ONCE vén de facer reconto do acadado a través do seu portal Portalento.es, inserido en FSC Inserta, iniciativa dirixida á xestión de recursos humanos. Pois ben, segundo informa a organización de persoas invidentes, un total de 24.429 persoas con diversidades funcionais, motrices ou cognitivas acadaron un contrato laboral no últimos cinco anos a través de FSC Inserta, unha boa parte dos contratos levados a cabo grazas á actividade do dito portal-plataforma de emprego e formación. Esta web, engade a Fundación ONCE, converteuse xa “en punto de encontro das ofertas das 4.130 empresas colaboradoras de FSC Inserta e os máis de 190.000 demandantes inscritos na súa bolsa de emprego”.
O portal, por certo, está este días estreando nova feitura e novos contidos. Segundo informa a Fundación, a ferramenta renóvase “para optimizar todos os procesos de intermediación e permitir aos seus usuarios interactuar en liña directa cos expertos da entidade”. O obxectivo disto: que os usuarios estean ao día da ampla oferta formativa e das oportunidades de emprego. Aos empresarios, a nova plataforma ofrécelles recursos como a xestión das súas ofertas en tempo real e o acceso a información dos candidatos que se axustan ao perfil requirido.

PUBLICIDADE