Apalabrados incorpora a opción de xogar en galego grazas a unha empresa compostelá

venres, 15 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Un dos xogos multi-plataforma móbil-Facebook de máis éxito en España, onde conseguiu destacar como Xogo do Ano 2012 na App Store, e que hai un par de meses superou os 10 millóns de usuarios rexistrados, Apalabrados, actualizouse esta tarde nas súas versións para iOS e Android, incorporando melloras visuais, un novo menú na listaxe de partidas e dous novos idiomas, o noruegués e o galego, conseguíndose este último grazas a unha achega da empresa compostelá Cilenis, spin-off da USC especializada en tecnoloxía lingüística.
O xogo, que consiste en formar palabras cruzadas nun taboleiro xuntando as letras que se reparten entre os usuarios, goza de grande éxito en boa medida porque é asíncrono (pois as súas partidas son por quendas), multi-plataforma (pode xogarse dende iOS, Android, BlackBerry, Windows Phone e Facebook) e multi-partida, que dende o seu lanzamento foi incorporando linguas de xeito progresivo, estreando o pasado verán a posibilidade de xogar en catalán e éuscaro, o que levounos a contactar coa empresa arxentina Etermax, responsable do seu desenvolvemento, que recoñeceu estar a traballar en levar a súa aplicación tamén á nosa lingua.
Maximo Cavazzani, creador de <em>Apalabrados</em>, visitou España a semana pasada para dar anunciar o seu novo xogoCuestionado sobre o tema ante os micrófonos da Radio Galega, o fundador de Etermax, Máximo Cavazzani, asegurou que estaban en contacto coa Real Academia Galega para adaptar o xogo á nosa lingua, recoñecendo que estaban abertos a achegas que puideran axilizar o labor, o que levounos a contactar con distintos profesionais galegos ata chegar a Isaac González, de Cilenis, con que coincidimos na celebración do terceiro aniversario da LaconNetwork, que dende o primeiro momento amosou a súa disposición para contribuír con este labor que axuda á normalización do galego a través do seu uso lúdico.

Isaac González, CEO de Cilenis, foi quen fixo posible que hoxe poidamos gozar de Apalabrados en galego

Deste xeito, tendeuse unha ponte entre Etermax e Cilenis, encargándose a empresa galega de facer “un dicionario de formas, é dicir, un dicionario normal, pero expandido con masculino, feminino, plural de masculino, plural de feminino e as conxugacións verbais... todas as palabras que se poden pronunciar en galego que sexan correctas”, tarefa desenvolvida collendo o vocabulario da lingua galega e expandíndoo con módulos e aplicacións lingüísticas. Pero a contribución non se limitou á elaboración desta listaxe de palabras, senón que tamén analizaron as puntuacións que deberían asignarse ás distintas letras en función da súa frecuencia, o que xerou bastante debate dentro de Cilenis “porque existen varias letras en galego, que se ben non se consideran do alfabeto, si que determinados estranxeirismos as teñen” o que dificultan moito o xogo no caso de topar con algunha. Actualmente Apalabrados conta con esas letras, pero desaparecerán na vindeira actualización por recomendación de Cilenis.
Isaac González compara a posibilidade de xogar a Apalabrados en galego “co impacto que tivo Cifras e Letras a nivel social, por utilizar o galego, palabras e expresións nun xogo, no lecer”. Considera así que Apalabrados “vai chegar a un maior número de xente de maneira activa, porque se ben un programa de televisión é só recibir, salvo os poucos concursantes que poden ir, realmente xogar ao Apalabrados en galego cos amigos é unha contribución a socializar a lingua de moitos e a darlle unha normalidade que é importante”.


Declaracións de Isaac González sobre a achega de Cilenis ao xogo Apalabrados

ACTUALIZACIÓN: A opción de xogar en galego en Apalabrados xa está dispoñible a través de Facebook.

PUBLICIDADE