O obradoiro de Scratch organizado polo CPEIG abre o período de inscrición

luns, 28 de abril do 2014 Redacción

O edificio da ETSE no Campus Sur da Universidade de Santiago

A programación xa non ten porqué ser algo só para eruditos da informática pois o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) vén de abrir o prazo de inscrición para o primeiro obradoiro de Scratch organizado pola entidade, en colaboración co CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información). E a que nos referimos co termo “Scratch”? Trátase dunha contorna de aprendizaxe de linguaxe de programación, que permite aos principiantes ou persoas sen sentido da programación. Dito doutro xeito: é unha contorna de programación que fai máis doada a aprendizaxe autónoma.
O Scratch é unha linguaxe de programación e unha comunidade en liña encamiñada á xente nova, onde os rapaces poden programar e compartir medios interactivos, historias, xogos e animacións con outros mozos e mozas.
Indo ao miolo do curso, está dirixido a rapaces cunha idade comprendida entre os 10 e os 14 anos, e desenvolverase nas tardes dos martes e os xoves do vindeiro mes de maio -entre as 18:30 e as 20:00 horas- nas instalacións da ETSE (Escola Técnica Superior de Enxeñaría, USC), a partir do vindeiro día 6.
A matrícula do curso é de balde, e as persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición até o 2 de maio. As prazas, 15 en total, concederanse por rigorosa orde de inscrición, no correo electrónico informacion@cpeig.org.
O CPEIG presenta este obradoiro coma unha aventura gráfica, co obxectivo de que os rapaces programen unha fase por cada clase. Cada unha destas fases situarase nunha cidade ou nunha vila de Galicia distinta, cunha historia, lenda ou parte da cultura particular desa zona. Cada alumno disporá dun computador para o seguimento do obradoiro.
Asemade, o curso contará cun blog (Cativos Coding), no que tanto os rapaces coma os seus pais poderán seguir os contidos do obradoiro fóra do horario da clase.

PUBLICIDADE