O novo SHIELD TV integra control domótico e o asistente de Google

xoves, 5 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

O pasado mes de xuño chegou a España a consola de videoxogos nVIDIA SHIELD, que chamaba a atención por estar baseada en Android V e achegar unha capacidade gráfica notable á vez que podía empregarse como servidor de Plex, de xeito que tiñamos un dispositivo multifunción que resultaba atractivo tanto para xogar como para o consumo de contidos multimedia e organización dos mesmos. Nas últimas semanas puidemos ver como este dispositivo desaparecía paulatinamente das tendas, no que comentábase que era por mor da súa renovación, e finalmente nVIDIA acudiu ao CES de Las Vegas para anunciar a nova xeración da SHIELD TV, máquina que no seu modelo con 16 GB de capacidade poderá adquirirse por 229,99 euros, mentres que a versión Pro con 500 GB de disco duro sube o seu prezo 100 euros.
Parece claro que estamos ante un produto que non o ten doado para competir coas consolas de videoxogos tradicionais (que incluso poden conseguirse a prezos sensiblemente inferiores) pero si ten grande atractivo para os que queren gozar de contidos multimedia de alta calidade, converténdose nun excelente accesorio para o salón, xa que a súa revisión achega imaxes en ultra alta definición con HDR (para tirar bo proveito dos novos televisores) e incluso integra a tecnoloxía de busca por voz de Google, facendo que falándolle ao seu mando a distancia podamos localizar contidos de Netflix, YouTube, Spotify ou incluso xogos da plataforma en liña de nVIDIA e incluso ten funcións de control por voz orientadas á domótica (ou sexa, que será posible empregar esta solución tecnolóxica para controlar as luces do fogar, o termóstato, as portas do garaxe... se contamos no fogar con SmartThings Hub). Aínda que a busca por voz está dispoñible en calquera dispositivo Android TV, desta volta sería o primeiro trebello en incorporar unha nova funcionalidade: o uso o asistente de Google no televisor, ou sexa, que facilitaría o control por voz en mans libres, aínda que polo momento só en inglés e nos EE.UU.
De cara aos xogos, nVIDIA conta cunha plataforma en liña que permite gozar de grandes videoxogos en distintas modalidades, entre os que se inclúen títulos como Watch Dogs 2, Assassin’s Creed: Syndicate ou For Honor, pero co detalle de que a partires de agora procurarán que os novos lanzamentos de Ubisoft estean dispoñibles para nVIDIA de xeito simultáneo á estea para PC.

Vídeo promocional do novo nVIDIA SHIELD TV

PUBLICIDADE