O noso sector turístico contará cunha plataforma tecnolóxica única para optimizar procesos

xoves, 18 de decembro do 2014 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA) e Turismo de Galicia anunciaron este xoves a posta en funcionamento dunha iniciativa conxunta para fortalecer a innovación do sector turístico a través dunha aposta integral polas novas tecnoloxías en todos os elos da súa cadea de actividade. É dicir, dende a xestión dos negocios até a información e a comunicación cos clientes. A iniciativa chámase Plan Smart Turismo e os seus detalles foron amosados na xornada Os Retos e Oportunidades tecnolóxicas para o sector do turismo, organizada por AMTEGA en colaboración con Turismo de Galicia, o Clúster Turismo de Galicia e o Clúster TIC galego.
Segundo fixo saber Mar Pereira, directora da axencia, en 2015 entrará en funcionamento un dos elementos chave do devandito Plan, que non é outro que unha plataforma tecnolóxica única á disposición de todos os axentes turísticos de Galicia para optimizar os procesos de xestión, de información e de inspección. Mar Pereira sinalou que “ao longo do vindeiro ano a plataforma ofrecerá dúas funcionalidades”. Por unha banda, o rexistro único de todos os recursos turísticos e, pola outra, un sistema de soporte integral á inspección turística, incluíndo a xestión do ciclo completo da inspección, desde a súa planificación, asistencia durante proceso, e tramitación das infraccións e sancións.
O Plan conta cun investimento de 10 millóns de euros até 2020, para poder desenvolver catro eixos prioritarios: modernizar as infraestruturas tecnolóxicas do turismo de Galicia; aproveitar as tecnoloxías para a promoción, a comercialización e o mantemento dos viaxeiros; fomentar a innovación no sector; e potenciar o camiño de Santiago.
A titular de AMTEGA achegou estes datos durante a inauguración da xornada sobre turismo e novas tecnoloxías, na que tamén interviñeron a directora xeral de Turismo, Nava Castro, o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez, e secretario do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo González. O obxectivo da cita é “ofrecer un punto de encontro entre o sector tecnolóxico e o do turismo para analizar conxuntamente retos e oportunidades no momento actual”.
O programa da xornada, que se desenvolverá ata ás 20.00 horas, inclúe varios relatorios acerca das oportunidades e as transformacións que supoñen as TIC para o sector turístico. Durante a mañá abordaranse os cambios no mercado do turismo en virtude da tecnoloxía así a experiencia do cliente (turista) a través das aplicacións móbiles e a economía colaborativa e os novos axentes na cadea de valor do turismo.
Xa pola tarde, abrirase a sesión cunha nova mesa temática acerca do valor da marca dixital. Posteriormente, farase unha presentación das empresas TIC e do Catálogo de provedores e solucións tecnolóxicas galegas para o turismo (TurismoTIC.gal), unha ferramenta online onde as empresas do sector turístico poderán atopar unha mostra representativa de empresas TIC galegas que poden converterse en aliados tecnolóxicos no cumprimento dos seus obxectivos de negocio. A xornada finalizará cun networking no que as empresas poderán aproveitar para facer contactos e buscar oportunidades.

PUBLICIDADE