O norte de Portugal acollerá unha cidade tecnolóxica de 17 quilómetros cadrados

luns, 8 de xuño do 2009 Fernando Sarasketa

Na cuestión de ollar cara a adiante, economicamente falando, o abano de vías a escoller para un país semella ben amplo. Con todo, para entendérmonos e poñer orde, hai unha serie de tendencias simbolizadas cun ladrillo e outras, no extremo oposto, cuns equipos informáticos ou tecnolóxicos de investigación en laboratorios. A primeira das dúas tena España resumida, e o noso país tamén, coma un cinturón arredor da súa costa. Para ver exemplos da segunda corrente cómpre aguzar máis a vista ou ir a países da contorna. Como por exemplo Portugal, onde se están a emitir interesantes sinais a prol do sector do coñecemento en contraposición ao uso a esgalla dun material que, mentres non de amose o contrario, xa expresou todo o que tiña que expresar: o ladrillo. Segundo contan Vieiros e Ciencia Hoje, o país irmán está a apostar máis forte por modelos sustentábeis, e esa é precisamente a gran característica do Planit Valley, unha cidade tecnolóxica que toma modelo o Silicon Valley de Estados Unidos e que estará totalmente construída nun prazo de catro anos, segundo informa a firma promotora Living Planit.
O complexo empresarial, que estará situado no norte do país e ocupará 17 quilómetros cadrados, ten o gran obxectivo de convocar a meirande cantidade de apoios: arredor de 12.000 empresas do sector das tecnoloxías.
A diferenza doutros escenarios de gran envergadura que se están a construír na nosa terra, a achega portuguesa si que semella ter un plan milimetricamente definido e ir dirixida con paso firme cara a activación económica: os responsables de Planit Valley prevén poñer en xogo milleiros de postos de traballo.
Segundo engade Vieiros, polo de agora só se coñecen as identidades dalgunha das empresas, entre as que se atopan Cisco System, da Living PlanIT, Mclaren ou Buro Happold. A iniciativa contará cun orzamento de 10 mil millóns de euros, sendo a previsión que se comecen as obras na recta final de 2009. Amais de fomentar a creación de postos de traballo e apostar por un tipo de actividade empresarial (a ligada ao coñecemento) como método anticrise, a intención do equipo responsable de Planit Valley é investigar sobre novos modelos de construción respectuosa co medio ambiente (procurando o autoabastecemento enerxético e o uso de recursos limpos e renovables) e tirar o máximo partido do “enorme potencial innovador” que alberga o noso país irmán.

PUBLICIDADE