O modelo de calidade CMMI, polo miúdo este xoves en Santiago

mércores, 23 de xaneiro do 2013 Redacción

José Luis Iparraguirre, experto en procesos de desenvolvemento de software do que xa temos falado con motivo da súa concorrencia en seminarios do CPETIG para guiar aos nosos profesionais TIC cara ao éxito nos seus proxectos, estará este xoves 24 en Santiago de Compostela para participar nunha xornada sobre, precisamente, metodoloxías e estándares para asegurar o devandito: o óptimo desenvolvemento dun traballo de creación de novos programas ou servizos. Máis polo miúdo, Iparaguirre falará do modelo de calidade CMMI (Capability Maturity Model Integration – Integración de Modelos de Madurez de Capacidades). Será no salón de actos do CiTIUS ás 18:00 horas.
Iparraguirre entre outras cousas das orixes do estándar CMMI, nun repaso das persoas e circunstancias que o axudaron a definir, e afondará nas prácticas necesarias para a xestión eficiente dos proxectos e o desenvolvemento de produtos de calidade. A conferencia centrarase sobre todo nos niveis intermedios do CMMI: o 2 –que aborda a xestión– e o 3 destinado a avaliar o rigor na enxeñaría. Porén, informa USC, proporase tamén unha reflexión sobre a adecuación a este tipo de proxectos dos niveis de madurez máis altos (4 e 5).
José Luis Iparraguirre iniciou a súa exposición ao modelo CMMI en 1988 e dende 1994 traballa como consultor para a mellora de procesos de desenvolvemento de software, de sistemas, para a presentación de servizos e para adquisición de proxectos e sistemas.

PUBLICIDADE