O mercado español de comercio electrónico será o que máis medre en Europa

mércores, 3 de setembro do 2014 Redacción

A división española de Rakuten vén de avaliar en detalle o estado de cousas actual do comercio electrónico no territorio estatal, sendo a principal conclusión da súa análise que todo indica que se vai acabar converxendo cos mercados máis desenvolvidos de Europa (Reino Unido, Alemaña e Francia) tendo en conta “o rápido avance do mercado en liña español” rexistrado en datas recentes. Con todo, amósase que aínda resta por correr un pequeno treito para acadar a dita converxencia. A clave está en non aminorar. O estudo tamén pon de manifesto que existen certas diferenzas de uso do ecommerce entre as distintas comunidades autónomas, amais dun crecente protagonismo dos dispositivos móbiles como instrumentos para mercar e vendar por Internet.
O estudo, feito con datos propios e doutras “fontes solventes”, prevé que a facturación do comercio electrónico español dobrarase practicamente nos dous vindeiros anos, pasando dos 18.000 millóns de euros cos que pecharemos 2014 aos 30.000 millóns de euros previstos para 2016. “Isto”, engádese, “sitúa a España como o mercado europeo que máis crecerá entre 2013 e 2017: un 18% segundo as estimacións de Forrester”. Con todo, cómpre non botar bombas de boas a primeiras, xa que a distancia con Europa aínda resulta considerábel. Ou sexa, que por moito crecemento que haxa, as distancias son ben longas.
O estudo tamén reflicte que o gasto medio online dos españois é de 865 euros ao ano fronte aos 1.243 euros da media europea (datos de Ecommerce Europe). Por outra banda, e tal e como avanzamos, o informe explica que o desenvolvemento do comercio electrónico é “moi desigual” entre as comunidades. Así, aínda que o INE informa que un 31% dos españois comprou algunha vez en Internet, esta cifra dispárase a máis do 40% en comunidades como Euskadi ou Madrid; mentres que anda a rentes do 20% en comunidades como Canarias ou Estremadura. “Isto”, engádese, “explica porqué o tamaño do mercado español (14.700 millóns de euros en 2013) segue estando moi lonxe dos líderes europeos como Reino Unido (107.000 millóns de euros), Alemaña (63.000 millóns de euros) ou Francia (51.000 millóns de euros)”.

PUBLICIDADE