O máximo responsable de Windows abandona Microsoft

martes, 13 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Microsoft está a vivir importantes cambios na súa dirección despois de que nas últimas horas o presidente das divisións de Windows e Windows Live, e responsable en grande medida do lanzamento de Windows 8 nas últimas semanas, Steven Sinofsky, deixa a compañía de Redmond, pasando agora Julie Larson-Green a encabezar a enxeñaría de hardware e software de Windows, mentres que Tami Reller amplía as súas responsabilidades para encargarse tamén das liñas de negocio de Windows, respondendo ambas directivas directamente ante Steve Ballmer, quen quixo agradecer a Sinofsky os seus anos de traballo en Microsoft.

Sinofsky foi a cara visible de Microsoft durante os lanzamentos de Windows 8, Windows RT e Surface

Steve Sinofsky remitiu un comunicado aos traballadores de Microsoft no que asegura que tras o lanzamento de Windows 8/RT e Surface decidiu tomarse afastarse das súas responsabilidades en Microsoft para buscar novas oportunidades, asegurando tamén que os seus 23 anos en Microsoft foron unha magnífica experiencia e asegurando que os rumores que poidan intentar explicar a súa marcha da empresa son falsos, xa que a súa decisión foi puramente persoal e privada.
Posiblemente os rumores aos que fai referencia Sinofsky son os que comentan que o seu carácter enfrontábao a outros equipos e directivos da compañía, centrando o seu traballo en Windows e non gustando da colaboración con outras divisións de Microsoft, o que faría demasiado complicado o seu traballo agora que a compañía busca consolidarse como un ecosistema único no que Windows 8, Windows Phone 8, a Xbox 360 e novos dispositivos funcionen como unha familia unida.

Tami Reller e Julie Larson-Green asumen as responsabilidades de Sinofsky de xeito inmediato

PUBLICIDADE