O mando da Xbox One adáptase para funcionar no PC

mércores, 17 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Nos últimos anos a versión do mando da Xbox 360 adaptada para xogar en PC converteuse practicamente nun estándar para xogar en ordenadores persoais, pola súa boa ergonomía e as facilidade que achegan os xogos (que en moitos casos inclúen preconfiguracións para este tipo de mando), e agora Microsoft quere repetir a xogada e anuncia que vai ofrecer a posibilidade de mercar un mando da nova Xbox One cun cable USB para poder gozar deste sistema de control mellora en ordenadores con Windows 7 e Windows 8.
Está previsto que a versión do mando da Xbox One orientada para o seu uso en ordenadores (continuando a ser compatible coa consola de nova xeración de Microsoft) chegue ao mercado en novembro a un prezo de 59,95 dólares (46,30 euros).
Este mando mide 155 x 108 milímetros, conta cunha cruceta de grande precisión, os seus sticks analóxicos foron redeseñados para un mellor agarre a unha maior precisión, e a súa ergonomía tamén se optimizou de xeito que temos unha evolución do mando da Xbox 360, de xeito que ten toda a pinta de que vai converterse no mando máis habitual en ordenadores persoais en poucos anos.

O mando da Xbox One contará cunha versión con cable USB para facilitar o seu uso en equipos con Windows

PUBLICIDADE