
Puntos fortes
Polo que respecta a datos concretos sobre comunicación en liña de institucións públicas e cidadanía, a sociedade galega semella ter desenvolvido ao longo destes anos meirande confianza coa eAdministración (Administración Electrónica), o que se desprende de datos como a porcentaxe de persoas que usan webs públicas autonómicas (37,1%, fronte a unha media estatal do 30%) ou da taxa de cidadáns que envían formularios aos ditos órganos institucionais: case un 9%, en contraste co 7,6% da media española. Amais, e a un nivel máis xeral, o informe subministra información positiva sobre a penetración das novas tecnoloxías do coñecemento a todos os niveis sociais. Así, sinálase, arredor do 59% dos nosos fogares contan xa con ordenador (o que constitúe un incremento do 9% con respecto ao ano anterior), no 38,3% dos casos con aceso á banda ampla.
Ademais, e xa meténdonos de cheo nos usos que lle damos á Internet, o estudo apunta a que o 85% das galegas e galegos que estableceron conexión á Rede ao longo dos tres meses máis recentes, fixérono para enviar ou recibir correos electrónicos, mentres que unha taxa do 77,1% accedeu para procurar información e un 65,6% para ler ou ben para descargar novas. Isto, coméntase no dito estudo, “amosa tamén que os consumidores galegos están a trocar os seus hábitos en liña coas principais tendencias dos países avanzados en materia de Rede”.
Polo que atinxe ao afianzamento das novas canles dixitais no eido empresarial, dicir que o informe apunta a unha meirande familiaridade cos novos contornos de comunicación ca nos fogares. Sobre todo no que se refire ás empresas de certa envergadura. Segundo datos do Observatorio Galego da Sociedade da Información reflectidos no estudo, máis do 92% das nosas empresas con máis de 10 empregados conta arestora con conexión á Internet, unha taxa que está situada por enriba da media española, que é do 89%. Amais, máis da metade das empresas deste perfil opera na Rede con páxina web propia de seu, porcentaxe que, con todo, non chega a ir alén das estatísticas nacionais: case o 60%.
Puntos febles
Pola contra, o estudo tamén reflicte, directa ou indirectamente, todo aquilo que pode caer no paquete do mellorable. Neste senso, o que valía para hai dous, tres ou catro anos, vale para a actualidade: cómpre actuar máis no eido das microempresas (a fin de contas o tipo de iniciativa empresarial máis abondoso na nosa terra) e tamén no eido dos espazos non urbanos. Asemade, á hora de divulgar polo miúdo as vantaxes das redes, cómpre centrármonos máis en quen as rexeita e non tanto en quen xa as emprega. Isto que asemella algo obvio non o é tanto se temos en conta que o descoñecemento total deses beneficios segue a ser o principal motivo de rexeitamento. Así, case a metade das galegas e galegos que lles dan as costas opinan que non lle ven a utilidade.
Polo que atinxe ás novas tecnoloxías no noso rural e malia o importante labor levado a cabo por iniciativas como a Rede de Dinamización da Sociedade da Información habilitadas pola anterior Xunta, cómpre sinalar que se corre o risco de converter as ferramentas dixitais nunha oportunidade perdida de desenvolvemento. En certa maneira estase a dar certa contradición, cunha era dixital que mellora cada día en accesibilidade e servizos para uns (os residentes nas cidades e vilas) e que diminúe un pouco o seu avance para outros (os habitantes do rural, xa de por si peor comunicados e con menor achega de servizos). As cifras (subministradas desta volta pola Secretaría Xeral de Modernización) non fan máis que pór de manifesto a desigualdade: a porcentaxe de galegos que conta con conexión a Internet no hábitat urbano é do 49,2%, fronte a unta taxa do 33% no rural.
Estes e outros datos foron achegados na presentación do informe en Santiago por Ignacio Aller, director territorial de Telefónica en Galicia e Asturias; Antonio Bengoa, director de Relacións Sectoriais e Territoriais de Telefónica España e Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia.
O informe TIC de Telefónica sitúa aos galegos por riba da media en uso da eAdministración
Compartir Este Artigo

