O info-bus BUSSI comeza unha nova andaina hoxe en As Pontes

luns, 19 de novembro do 2007 Raquel Noya

O Bus da Sociedade da Información, equipado con medios técnicos e humanos cualificados para impartir nas vilas galegas unha experiencia TIC, vén de comezar hoxe a súa andaina por catorce localidades da provincia da Coruña cun acto que tivo lugar este mediodía ó lado do Colexio Santa María en As Pontes.
A presentación contou coa intervención do delegado provincial da Consellaría de Innovación José Luis Barcia Picos, co presidente de AGESTIC José María López Bourio, cun representante da Obra Social Caixa Galicia en A Coruña e cun representante de Xóvenes Agricultores-Asaja Galicia.
Dende hoxe, o info-bus BUSSI iniciará a súa andaina pola provincia da Coruña pasando polas seguintes localidades:
Cabreiros – Roupar de Arriba – Roupar de Abaixo – Xermade – Vilavella – Espiñaredo – As Campeiras – O Poblado – A Capela – Goente – As Neves – Ribadeume – Pontoivo – Aparral.
O proxecto, que conta co respaldo e o financiamento da Xunta de Galicia - Consellería de Innovación e Industria, levará a cabo un programa de accións de difusión, de formación e de coñecemento das vantaxes das Tecnoloxías da Información e da Comunicación na xestión das explotacións e como ferramenta para mellorar as condicións de vida e de competitividade da poboación no entorno das “vilas dixitais”.
AGESTIC, coa colaboración da Obra Social de Caixa Galicia e ASAJA asumen o compromiso de colaborar para que o máis de medio millón de galegos que viven e traballan no rural, poidan ter as mesmas condicións de acceso á Sociedade da Información cos das cidades máis desenvolvidas, superando a exclusión dixital na que se atopan, e cuxas causas hai que buscar na dispersión xeográfica, a despoboación, a falla de conectividade, ou o descoñecemento das vantaxes de Internet a das TIC.

PUBLICIDADE