O iPhone, á cabeza das procuras de móbiles de segunda vida

xoves, 23 de abril do 2015 Redacción

O portal Segundamano.es vén de presentar un informe sobre as vendas en España de telefonía móbil de segunda vida. Segundo fai saber, a marca iPhone é “a raíña absoluta” neste mercado. Para que nos fagamos unha idea, sinálase, tan só no último mes e medio realizáronse máis de 600.000 procuras do devandito produto no portal de compravenda por parte de persoas interesadas en adquirir algún dos modelos da marca. No que se refire aos diversos modelos da familia de Apple, o iPhone 5 (24%) é o modelo máis procurado, seguido do iPhone 5s (16%), do iPhone 6 (15%) e dunha das versións máis antigas no mercado, o iPhone 4 (9%).
Pola contra, o modelo máis novo da marca, o iPhone 6 Plus, amorea só o 3% da demanda. No informe saliéntase que o 24% das operacións de busca corresponden a usuarios que non especifican o modelo de iPhone que queren adquirir.
A maiores, na investigación comparouse tamén a demanda doutras marcas competidoras. Así, infórmase, “mentres que o 58% dos usuarios busca comprar un iPhone de segunda man; o 23% dos usuarios interésase por algún dos modelos da marca Samsung; e tan só o 8% decántase por buscar un teléfono da marca Sony”. LG e Nokia completan a clasificación cun 8% e 2% das procuras, respectivamente.

PUBLICIDADE