AOI

Deputación de Pontevedra

O noso boletín por e-mail conta xa con 3033 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

O grupo de arquitectura tradicional galega supera no Flickr as 5.000 imaxes

mércores 1 de setembro do 2010, por Fernando Sarasqueta | | Compartir | |

JPEG - 93.8 KB
Xanela do Courel, achegada ao grupo de Flickr por Villafi

A Rede pode ser espello da realidade pero tamén bálsamo. Isto é aplicable a todo o que nos rodea, e partimos da base de que arredor nosa hai unha chea de cousas que máis non cumpriría non ver e que sen embargo vemos. Un bo exemplo disto é a substitución dos vellos usos e costumes construtivos galegos por outros novos que as máis das veces non teñen nada que ver co noso e que no caso de concellos concretos da nosa terra (como por exemplo o de Barreiros en Lugo) achegan a peor faciana desas prácticas alleas. Dito doutro xeito: o que neses recantos se está a construír, con todo o que se andou, só pode ser froito de ter esquecido o que aquí se fixo previamente, ou de non telo estudado nunca. Porén, a Rede axuda a pór as cousas no seu sitio. Na liña de recuperar os achados fornecidos ao longo de séculos polo noso eido construtivo é onde se move o grupo de arquitectura tradicional que desenvolve o seu labor en Flickr, colectivo comprometido coa perda do noso patrimonio construtivo e que neste intre vén de superar a liña das 5.000 imaxes achegadas.
A iniciativa, que tamén foi posta en marcha para chamar a atención sobre o proceso imparable de despoboamento das nosas aldeas e vilas, conta co apoio de máis de 550 internautas, que se adheriron ao portal de Internet para facer un repaso e unha constatación gráfica das nosas construcións que nos son máis propias, dende airas e alpendres a cruceiros e muíños, pasando por alvarizas, batáns ou lavadoiros.
A intención deste colectivo é cubrir de xeito visual e informativo a totalidade do noso territorio. Tal e como nos conta Xabier Feixoo, promotor da proposta en liña, o grupo en Flickr está aberto á participación de tódalas persoas que o desexen e que teñan interese en preservar o noso patrimonio construtivo e cultural, contribuíndo deste xeito a divulgar con bos exemplos os modelos máis axeitados de rehabilitación e reconstrución de todos estes elementos físicos.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

 RSS