O gasto en TIC nos fogares españois subiu un 33% entre 2004 e 2012

xoves, 14 de novembro do 2013 Redacción

O Ministerio de Industria vén de facer público un informe que certifica o bo estado de cousas do tecido TIC. Máis polo miúdo: o bo estado de cousas para o sector de equipamento e subministro de novas tecnoloxías e redes para a fogar. O documento O TIC nos fogares españois. Estudo de demanda uso de Servizos de Telecomunicacións e Sociedade da Información, elaborado polo Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI), sinala entre outras cousas que o gasto total en servizos tecnolóxico-dixitais aumentou un 33% entre 2004 e 2012 nos fogares españois até acadar os 3.155 millóns de euros.
Outro dato a ter en conta é que o 54,9% dos fogares dispoñen de servizos empaquetados, sendo o máis frecuente o do paquete de telefonía fixa e Internet (44,2%). Doutra banda, o gasto medio mensual en telefonía móbil é o que máis se incrementou desde 2004 (4,6 euros), mentres que se reduciron os de televisión de pago (5,7 euros) e telefonía fixa (8,2 euros), infórmase no estudo, onde se engade tamén que os servizos TIC cun maior incremento de penetración nos fogares españois entre 2004 e 2012 son Internet e a telefonía móbil, que rexistraron un aumento de 40 e 16 puntos porcentuais, respectivamente, no devandito período. Máis polo miúdo en canto a penetración de telefonía se refire, o estudo desvela que desde principios de 2006 a móbil supera á fixa e, no último trimestre de 2012, acada unha diferenza dos 10,3 puntos porcentuais, cun 94% de fogares con teléfono móbil fronte a un 83,7% que dispoñen de fixo.
En canto á relación prezo/utilidade o servizo mellor valorado é Internet e o peor considerado a telefonía fixa. Por outra banda, a maioría dos fogares españois que non dispoñen de TV de pago (75,5%) pensan que teñen de abondo coa televisión de balde.
Polo que atinxe á telefonía móbil, o consumo mensual aumenta de forma progresiva e sitúase en 2012 en 328 minutos fronte aos 143 de 2004. “A incorporación da mensaxería instantánea no móbil contribuíu a incrementar durante o último ano o seu uso diario até situarse no 23,5%”, dise no informe. En canto a xeitos de acceder á Rede, o acceso a Internet en mobilidade adquire relevancia se se teñen en conta os datos de dispositivos empregados para navegar por Internet. “O móbil, que empregan o 56,6% dos internautas, é o que experimentou un maior medre xunto ao computador portátil que empregan o 66,5%; ademais, aínda que o 78,5% dos usuarios de Internet utilizan ADSL, no último ano comezouse a acceder a través de banda larga móbil (14,1%)”, infórmase.
En canto ao uso que se fai de Internet, oito de cada dez internautas dispoñen dunha conta de correo electrónico persoal, o 39,1% visitan sitios web das administracións públicas, o 29% merca produtos e servizos por Internet e case a metade utilizan as redes sociais e a mensaxería instantánea (49,8% e 49%, respectivamente).

PUBLICIDADE