O galego Roi Villar e tres mozos máis unen forzas para salvar a ciencia mediante doazóns de internautas

martes, 4 de febreiro do 2014 Redacción

A crise chega a todos os eidos, e a ciencia non ía ser menos... As consecuencias comezaban a sentirse xa no ano 2009, no que a aposta estatal pola ciencia xa amoreaba unha caída do 40%. Perante este panorama tan devastador, catro mozos espallados pola Península -un deles compostelán- deciden botar adiante iLoveScience, unha plataforma en liña que permite aos cidadáns colaborar facendo doazóns con aqueles proxectos cos que sintan máis sintonía. Os responsábeis desta idea -Fede, Roi, Alex e Ricardo- que traducida ao galego viría sendo A ciencia gústame, presentan neste intre tres proxectos de investigación.
Máis polo miúdo: un traballo sobre o cancro de mama, un sobre a enfermidade de Alzheimer e outro sobre as infeccións do sangue ou septicemias. Cadanseu proxecto dispón dun período de 60 días para acadar a cantidade proposta ou será descartado. Entre os tres suman xa máis de 1500 euros, sendo o máis avanzado o de cancro de mama, con máis de 900 euros. Na páxina web pódense consultar as características dos proxectos, así como o orzamento e unha biografía do investigador. As colaboracións económicas están recompensadas con detalles de agradecemento, pero tamén é posíbel axudar a difundir o proxecto mediante redes sociais como Facebook ou Twitter.
IloveScience (ou abrazalaciencia) nace en 2012 combinando os valores dunha ONG coa flexibilidade e compromiso dunha pequena empresa tecnolóxica (start-up), facendo de intermediario entre doadores e promotores de proxectos para asegurar as transaccións económicas e a execución dos proxectos financiados. Cómpre dicir que esta web está accesíbel dende o 13 de xaneiro e leva recadados máis de 1500 euros.

PUBLICIDADE