O encontro Mobile 2.0 openIDEAS contará con presenza galega

mércores, 8 de xuño do 2011 Marcus Fernández

Alberto Alonso Ruibal instruirá sobre a integración de redes sociais en aplicacións móbiles para Android

Os vindeiros días 16 e 17 de xuño terá lugar en Barcelona o evento Mobile 2.0 openIDEAS, que pretende explorar o futuro do desenvolvemento e a innovación en mobilidade, xuntando a profesionais e talentos para discutir sobre temas como o futuro do móbil e a súa aplicación a ámbitos como o lecer e a educación.
Participarán no encontro profesionais de compañías como Rovio (os creadores de Angry Birds), Telefónica I+D, Ditto, RIM, Nuance Communications, Skobbler e mesmo a galega Mobialia, da man do seu fundador, Alberto Alonso Ruibal, quen o día 17 de 12:00 a 13:00 horas impartirá un relatorio sobre o desenvolvemento de aplicacións orientadas a redes sociais para Android, con algúns exemplos que van dende a incorporación dun sinxelo botón de compartir e a identificación nas plataformas de redes sociais.
Ruibal colaborou na integración con redes sociais da aplicación RadioMe, e a súa compañía ten desenvolvementos como un avanzado xogo de xadrez, un simple Conecta 4, un Trivial en español e incluso unha guía de estacións de servizo españolas para localizar as gasolineira próximas e amosar os prezos do carburante nas mesmas.

PUBLICIDADE