A Asociación Galega de Editores vén de asentar os alicerces para o desenvolvemento da nova plataforma de contidos para o libro dixital. Foi no transcurso dunha xornada de traballo celebrada nas instalacións da editorial Sotelo Blanco na que representantes da Asociación, co seu presidente Alfonso García Sanmartín, á fronte, puideron coñecer as propostas de traballo de varias empresas do ámbito das TIC de Galicia.
Un dos proxectos presentados foi o do Cluster galego das TIC que supón unha plataforma de distribución de contidos na que se contemplan dous portais diferenciados: un para o libro xeneralista, e outro para o libro electrónico de materiais educativos. É precisamente neste segundo eido no que a AGE pretende avanzar na elaboración de contidos dixitais que posibiliten a posta en marcha da Escola 2.0 incluída no Plan Abalar da Consellería de Educación para o vindeiro curso 2010-2011. Ademais, a plataforma tecnolóxica tamén contempla a inclusión de tendas en liña tanto para os libreiros como para os editores, así como ferramentas de redes sociais e de formación. Outra das vantaxes desta nova tecnoloxía é a posibilidade que ofrece de almacenamento de tódolos contidos e o control dos mesmos por parte dos usuarios da plataforma. A proposta do Cluster contempla un proxecto nunha fase bastante avanzada que se desenvolvería en diversas etapas.
Na rolda de contactos de onte, os membros da AGE tamén puideron coñecer as propostas das Universidades da Coruña e de Vigo, que puxeron sobre a mesa as diversas posibilidades de colaboración no proxecto cos recursos que se poidan establecer. Concretamente, por parte da Universidade da Coruña estiveron representantes da empresa Galebook, xestada no viveiro empresarial da institución académica; mentres que pola Universidade de Vigo (Campus de Ourense) estivo o profesor José Luís Martínez Orge; ademais do profesor da Facultade de Telecomunicacións do Campus de Vigo, José Carlos López Ardao.
Asemade, na xornada de traballo de onte tamén presentaron as súas ofertas e posibilidades de colaboración as empresas Grammata, Imaxin Software e Netex Knowledge Factory. Nos vindeiros meses, a AGE asinará acordos de colaboración coas empresas das TIC galegas coa fin de axilizar o traballo de constitución da plataforma tecnolóxica para o libro do futuro.
O editores galegos perfilan a súa plataforma tecnolóxica para o libro dixital
Compartir Este Artigo

